^ Ir arriba

novas

Novas Concello de Gondomar

Novas Concello de Gondomar

O concello de Gondomar publicou xa as bases reguladoras da convocatoria desta nova iniciativa que, organizada pola Concellería de Comercio e Turismo, nace co obxectivo de “fomentar a reciclaxe, a convivencia e o troco” á vez que busca dinamizar o turismo, a gastronomía ou potenciar o comercio da vila. 

O I Rastrillo de Primavera celebrarase o próximo día 21 de marzo entre as 11.00 e as 20.00 horas da tarde, e a Praza da Paradela será o escenario no que se poderán colocar ata un máximo de 30 postos, segundo as bases publicadas pola Concellería de Turismo e Comercio.

Nelas estipúlase que só poderán participar particulares (persoas físicas) ou asociacións sen ánimo de lucro que acheguen “artigos persoais que queiran vender ou cambiar por outros para a súa reutilización”, brindando así aos veciños de Gondomar a posibilidade de sacar á rúa todo aquilo que non usan xa nas súas casas e si podería servir a outras familias.

Os postos, cunhas dimensións estipuladas, achegaranos os propios participantes que deberán identificalos cun distintivo que facilitará o concello e nos que non poderán exhibirse “ningunha marca comercial, nome de establecemento ou empresa, nin calquera outro tipo de publicidade”.

Os interesados en participar deberán presentar a documentación que se recolle nas bases publicadas na web www.concellodegondomar.gal e no Portal de Transparencia, nun prazo de 15 días. O procedemento de selección e asignación dos postos será por rigorosa orde de entrada no Rexistro municipal, e a súa distribución no Anciño correrá a cargo da concelleira responsable da área de Comercio e Turismo, Rocío Goberna. 

O concello de Gondomar sumarase o próximo día 08 de marzo aos diferentes actos que, coincidindo co Día Internacional da Muller desenvolveranse en todo o mundo, e que no caso de Gondomar concretarase cunha concentración e lectura dun manifesto ás 11.00 da mañá, así como unha serie de actividades que se desenvolverán durante todo o día centradas en “traballar a sensibilización en materia de igualdade con las nuevas generaciones como protagonistas”. 

Así se expuso no Consello Municipal da Muller, celebrado este pasado o pasado luns. Este órgano municipal contou coa participación de mulleres representantes de diferentes ámbitos profesionais e sociais como son o tecido asociativo, político, cultural, sanitario e educativo nunha clara aposta de “traballar de forma transversal na loita contra a violencia de xénero e como medio para lograr a igualdade plena de homes e mulleres canto antes”.

Ademais da concentración e posterior lectura do manifesto tamén se informou sobre a ubicación do “Punto de Igualdade vivo” na Praza da Paradela  o próximo domingo co obxecto de desenvolver obradoiros para nenas e nenos. Neles traballarase en actividades que buscan a sensibilización en materia de igualdade entre as novas xeracións, á vez que, como en ocasións anteriores, facilitarase información centrada na prevención da discriminación e na loita contra a violencia de xénero.

O Consello Municipal da Muller, neste primeiro encontro da actual lexislatura, aprobou a selección da súa vicepresidenta e analizou a situación actual sociociolaboral, cultural, económica e de trato das mulleres no concello de Gondomar.

 

_MG_2563.jpg

O Concello de Gondomar, a través da súa concellaría de Comercio e Turismo, organiza o “I Rastro de Primavera”, co fin de facer un día de encontro familiar, fomentar a reciclaxe, o troco, etc..., así como a dinamización de turismo, gastronomía, potenciación de comercio local, etc..., da Vila.
O I Rastro de Primavera estará centrado na venda de artigos exclusivamente persoais , para poder sacar a rúa todo aquilo que xa non lle damos utilidade pero que pode servir a outras familias.

 

Máis información e descarga das bases na seguinte ligazón: Bases "I Rastro de Primavera Concello de Gondomar"

A concellería de Medio e Transición Ecolóxica convida os centros escolares de Gondomar a sumarse ao proxecto Naturaliza, cuxo obxectivo é transversalizar a educación ambiental propoñendo que forme parte de tódalas materias troncais que se imparten en primaria.

Con esta iniciativa búscase impulsar e potenciar este tipo de educación ao considerala unha ferramenta básica na formación das novas xeracións que permite a súa sensibilización ambiental, á vez que incorporan no comportamento dos máis novas actitudes proambientales que permitan facer máis efectiva a loita contra o cambio climático. 

En concreto, en Gondomar, o programa Naturaliza Educación, desenvolto por Ecoembes, convida os colexios a sumarse ao proxecto “Recicla no teu centro” polo que se lles dotará de papeleiras amarelas e azuis fomentando unha reciclaxe activa en cada un deles.

  Por outra banda búscase a máxima implicación de toda a comunidade educativa propoñendo unha serie de accións dirixidas directamente aos docentes. Nelas se aposta pola creación dunha rede de compromiso polo medioambiente dentro das propias escolas, facilitando dende Naturaliza a formación específica aos profesores, así como os recursos necesarios para o seu desenvolvemento. 

 

Naturaliza.jpg

O Centro de Información da Muller (CIM) da concellería de Igualadade do  concello de Gondomar abriu o prazo para poder inscribirse nunha nova edición de cursos de formación on-line dirixido a mulleres empregadas e desempregadas, empadroadas no municipio. As solicitudes poderán presentarse a partir do 3 de marzo e ata o 16 do mesmo mes.

En total impartiranse 6 cursos diferentes nos que poderán inscribirse un máximo de 15 persoas. As materias ás que se poderán optar son diferentes e teñen como obxectivo facilitar ferramentas a quen se atopa en paro e precisan reciclarse para adaptarse ás novas necesidades que o mercado demanda. Ademais os cursos están abertos a aqueles que tendo traballo buscan mellorar o seu currículo laboral.

Prevención de riscos en actividades de tempo libre, monitor de transporte escolar, técnicas de comunicación con persoas dependente, ou educación para a igualdade son algunhas das opcións formativas que se ofrecerán nesta actuación que desenvolverá o concello de Gondomar, financiada a través da Secreatría Xeral de Igualdade e con cargo ao programa operativo FSE Galicia 2014-2020, así como dos obxectivos dos fondos

Máis información no Centro de Información da Muller de Gondomar (986 389 355) ou no correo This email address is being protected from spambots. You need JavaScript enabled to view it. 

 

CARTEL.jpg

O Pleno do Concello de Gondomar, en sesión ordinaria de data 16.01.2020, acordou aprobar expresamente, con carácter definitivo, a redacción final do texto da Ordenanza municipal de normalización lingüística, unha vez resoltas as alegacións presentadas e incorporadas á esta ordenanza as modificacións derivadas das reclamacións estimadas, o que se fai público para o seu xeral coñecemento e en cumprimento do disposto no artigo 70.2 da Lei 7/1985, de 2 de abril, Reguladora das Bases do Réxime Local.

Música, baile, cor e moita alegría encherán as rúas do centro de Gondomar o vindeiro venres, 21 de febreiro, coas “Comparsas escolares” que, como xa vén sendo tradicional, servirán para poñer en marcha o programa de Entroido, organizado polo concello, a través da súa concellería de Educación, e que se prolongará ata o mércores 26 de febreiro.

O alcalde de Gondomar, Paco Ferreira, recoñece que “este desfile dos nosos pequenos e pequenas é para nós moi especial, unha cita que todos esperamos” e engade que “é unha proba máis da colaboración e participación dos nosos veciños nas diferentes iniciativas que realizamos na localidade”.

Por iso agradece o “entusiasmo e implicación dos profesores e profesoras, e por suposto, de todo o alumnado que cada ano dáo todo e sorpréndenos coas súas orixinais ideas”.

Nesta ocasión súmanse á iniciativa os CEIP Neira Vilas, Chano Piñeiro e os IES de Auga da Laxe e Terra de Turonio. Todos eles, algo máis de 1000 persoas, iniciarán o seu desfile ás 11.00 da mañá desde o Pavillón Municipal Bernabé Costas en dirección á Praza Paradela, onde todos os participantes serán recibidos polo alcalde e representantes do goberno local.

Como en anteriores ocasións, o goberno de Gondomar achegará bebida e rosquillas ao rapazada que participa nesta actividade na que lucirán no seu percorrido os disfraces e coreografías, preparados para a ocasión durante semanas nos seus respectivos centros.

O goberno local non esquece, un ano máis, aos máis novos na celebración do Entroido programando diversas actividades pensadas para eles. O luns 24 o Pavillón de Deportes Bernabé Costas acollerá unha festa de inchables, e o martes 25 a festa trasladarase ao Auditorio Lois Tobío onde ademais do desfile de disfraces desenvolveranse diversas actividades pensadas para os máis pequenos.

 

2O4A5551.jpg

Súmase así o concello á conmemoración do aniversario do nacemento da escritora cuxa imaxe pasará a formar parte da rúa que leva o seu nome, nas inmediacións do antigo Matadoiro, cun retrato de arte urbana que realizará o artista local “ Gory”. 

A imaxe de Rosalía de Castro sumarase á realizada no seu día por este artista do escritor Carlos Casares, e con ela quérese render homenaxe “durante todo o ano a este referente da literatura galega e universal, máis aló da data na que se celebra o seu aniversario”, afirma o rexedor Paco Ferreira. 

O acto central do próximo 24 de febreiro consistirá nunha lectura pública de diferentes pasaxes das súas obras máis relevantes e aberta a todo o público. O alcalde iniciaraa ás 12.00 do mediodía ao que seguirán os integrantes do goberno local, tras o que se convidará ao resto da corporación municipal e a todos os veciños e veciñas que queiran render o seu tributo particular a Rosalía de Castro.

Así mesmo buscarase a colaboración do comercio local ao que se entregarán carteis coa imaxe de Rosalía de Castro e parágrafos impresos das súas principais creacións literarias para facer chegar a súa obra ao maior número de persoas posible.

Paco Ferreira anima aos gondomareños a participar nesta xornada “na que renderemos homenaxe a unha muller que é un claro referente non só na literatura galega e do século XIX, se non en dar voz entón a cuestións tan de actualidade hoxe en día como os dereitos das mulleres, a defensa do galego ou a denuncia da emigración”.

O goberno local cumpre así o acordo alcanzado por unanimidade o pasado pleno municipal no que se aprobou declarar o 24 de febreiro día de Rosalía de Castro no concello, así como a emprender e apoiar a realización de actividades de promoción da obra da escritora. 

7686.jpg

A directiva desta cooperativa, integrada pola nenos Uxía, Roi, Andrea, Paula e Martín, entrevistouse esta mañá co rexedor, Paco Ferreira, ao que lle explicaron o proxecto posto en marcha polos corenta alumnos de 5º e 6º de primaria do colexio Serra Vincios. 

Paco Ferreira felicitou aos estudantes pola súa iniciativa e recoñeceu estar gratamente sorprendido pola calidade e orixinalidade dos produtos, todos eles elaborados partindo da reciclaxe e a reutilización doutros elementos. Durante a entrevista coñeceu os pormenores de Coopevincios, así como as diferentes tarefas que se realizan e como se distribúen entre os cooperativistas.

Lembrou “que calquera idea emprendedora terá un apoio por parte do meu goberno, e máis cando apostan por iniciativas que, como neste caso, promoven a cooperación e a aprendizaxe sen esquecer o aspecto solidario”.

Coopevincios elabora candeas, xogos, peto ou  marcapáxinas con produtos reciclados ou reutilizados e os estudantes anunciaron a súa intención de participar no Rastrillo de Primavera de Gondomar, o próximo 21 de marzo, e aproveitaron para preguntar ao alcalde sobre a documentación que deben presentar para facelo. A recadación que se obteña da súa venda destinarase nun 75% á Fundación Fran Gil “700 camisetas solidarias”, e o resto á organización dunha viaxe a Madrid para poder asistir ao musical “O rei León”. 

             Aproveitaron a súa visita para explicar a Paco Ferreira a función que desempeña cada un na cooperativa, con postos como o de presidente, interventor ou secretario e como desenvolven o traballo día a día no centro, onde a colaboración do profesorado e as propias familias é fundamental.

Paco Ferreira destacou, por último, a importancia deste tipo de iniciativas, que se desenvolve no marco do programa “Depoemprende Educación” da Deputación, porque “potencian valores tan importantes como o emprendemento, a convivencia ou a creación, entre outras moitas competencias”.

Ref.: Exp 920/2016

Mediante a presente achégase enlace para acceder á visualización dixital ao documento aprobado definitivamente por Resolución de Alcaldía en data 04.02.2020:

APROBACIÓN DEFINITIVA DO PROXECTO DE REPARCELACIÓN DO POLÍGONO INDUSTRIAL DE A PASAXE. POLÍGONO 1.

https://concellodegondomar.sedelectronica.gal/transparency/e9581f2d-32db-42e0-a01f-1cb007e58c73/

(Documento asinado dixitalmente á marxe)

Rss