^ Ir arriba

novas

Wednesday, 04 March 2015 20:00

Gondomar anuncia a axuda económica para o pagamento da factura eléctrica mediante o tícket electrónico

O tícket eléctrico social é unha medida que pon en marcha a Xunta de Galicia para o pagamento das facturas eléctricas do segundo semestre de 2014 cun prazo de presentación ata o 30 de abril de 2015. Para as axudas ao primeiro semestre do 2015 o prazo de presentación comezará o 1 de xullo de 2015 e rematará o 15 de setembro de 2015. Terá que facerse unha solicitude distinta para cada semestre. Os gastos subvencionables serán as facturas de electricidade (IVE incluído) cuxo período de lectura estea incluído dentro do segundo semestre do 2014 ou primeiro semestre do 2015, segundo corresponda.

O concello de Gondomar, dende o departamento de Benestar Social, poñerá a disposición dos usuarios, os medios necesarios para xestionar as peticións e asesorar as familias.

Poderán acollerse a estas axudas familias con fillos menores a cargo cuxos ingresos totais da unidade de convivencia non superen 1,5 veces o IPREM. (9.585,19 €) 798€/MES. Para estes efectos, considérase unidade de convivencia o conxunto de todas as persoas que viven no mesmo domicilio. A contía da subvención será unha cantidade fixa de 90 € ao semestre para as unidades de convivencia que reúnan os requisitos, e de 150 € ao semestre para as cales acrediten ser ademais familia numerosa.

Como requisitos cabe ter en conta que hai que ser residentes na Comunidade Autónoma de Galicia. Ter fillos menores de 18 anos a cargo. Estar a aboar a correspondente factura de enerxía eléctrica a unha comercializadora. Que os ingresos totais da unidade de convivencia, non superen 1,5 veces o IPREM. Non estar incurso nas prohibicións para obter a condición de beneficiario, recollidas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 do xuño, de subvencións. Só poderá presentarse unha única solicitude por unidade de convivencia.

Para presentar a diversa documentación solicitada poderá facerse no Instituto Enerxético de Galicia, a través da sede electrónica.

 

Mais Información