^ Ir arriba

novas

Monday, 30 July 2018 09:15

II Concurso de Embelecemento de balcóns ou ventás e fachadas da Vila de Gondomar

1.- CONVOCATORIA

            O concello da Vila de Gondomar convoca o II Concurso de Embelecemento de Balcóns ou Ventás e Fachadas da Vila de Gondomar para o verán de 2018. 

2.- OBXECTO DO CONCURSO

            Mediante este concurso, preténdese poñer en valor os beneficios estético-ambientais da recuperación dos balcóns e ventás como elementos vivos da Vila, porque detrás de cada balcón ornamentado existe unha contribución cidadá á mellora estética dunha rúa ou dun edificio, á mellora da calidade ambiental e, sobre todo, á mellora da relación veciño/a-entorno urbano a través dunha persoal aportación artística que podemos desfrutar todos e todas, tanto veciños/as como turistas. 

3.- PARTICIPANTES

            Poderá participar no concurso toda persoa propietaria ou arrendataria de vivenda con balcón ou ventá que reúna as condicións necesarias para ser decorado, sen que a actividade decorativa supoña un perigo para a integridade da persoa mesma nin das persoas viandantes. Asemade, a ventá ou balcón e fachada obxecto de decoración deberá atoparse dentro do Casco Urbano de Gondomar. 

4.- INSCRICIÓNS

            As inscricións deberán realizarse segundo modelo normalizado (Anexo I, Folla de inscrición) no Rexistro do Concello. 

            A data límite de inscrición será o día 14 de agosto de 2018. 

            

            Facilitarase un distintivo (lazo azul con número) a cada participante, que deberá ser exhibido nun lugar visible en tódolos balcóns/ventás e fachadas que participen. 

5.- DESENVOLVEMENTO DO CONCURSO

            O concurso celebrarase dende o 16 de agosto ate o 31 de agosto do ano 2018, período durante o que o Xurado realizará visitas periódicas. 

            Os elementos utilizados para a ornamentación dos balcóns e fachadas déixanse á libre elección dos veciños e das veciñas, pero sempre respectando as vías, as beirarrúas e as entradas ás vivendas doutros veciños/as. Deberá estar perfectamente amarrado á estrutura do balcón calquera elemento colgante que puidese precipitarse por efecto do vento, sen que a súa localización poña en risco a seguridade. En todo caso, a persoa responsable inscrita no concurso farase responsable de calquera accidente orixinado pola caída dalgún elemento ou parte deste á vía pública. 

            Os balcóns e fachadas terán que estar engalonados antes do día 16 de agosto de 2018  e deberán permanecer adornados ata o día 31 de agosto de 2018. 

6.- XURADO

            O Concello designará as persoas integrantes do xurado, cuxa composición darase a coñecer no momento do fallo do concurso, pero estará composto, polo menos, por: 

  • Un representante técnico do Concello de Gondomar. 
  • Un experto en xardinaría e/ou embelecemento urbano. 
  • Un decorador en arte floral

Darase a opción a votación popular, que suporá o 60% da valoración final de cada balcón participante. A votación popular estará aberta do 16 de agosto ao 31 de agosto de 2018. As votacións populares realizaranse mediante sistema telemático na páxina web do concello. Cada persoa interesada en votar poderá facelo unha única vez.  

As persoas integrantes do xurado non poderán participar no concurso. O fallo do xurado será inapelable e mesmo poderá declarar deserto o concurso se así o considera oportuno. 

Entre as persoas participantes na votación electrónica sortearase unha cesta de productos ecolóxicos. 

7.- CRITERIOS DE VALORACIÓN

O Xurado cualificador e o xurado popular basearan o criterio da súa puntuación en: 

  • Orixinalidade e creatividade da composición. 
  • Calidade ornamental. 
  • Harmonía do conxunto, deseño. 
  • Laboriosidade.
  • Perdurabilidade.
  • Uso de materiais reutilizados en accesorios e ornamenta non floral. 

8.- PREMIOS

  • O premio ao mellor balcón ou ventá será unha cea para duas persoas
  • O premio a mellor fachada será unha faixa de publicidade gratuita durante 15 días nun xornal dixital nas datas elexidas polo gañador/a

            

Os premios entregaranse na nun evento a comunicar.

9.- COMPROMISO

            A participación neste concurso implica a total aceptación das presentes bases, así como do fallo inapelable do xurado. Igualmente, autorízase á organización a realizar cantas fotografías se consideren oportunas, reservándose todos os dereitos, que poderán ser utilizadas para a súa publicación en calquera medio, sempre que se realicen dende espazos comúns e públicos. 

 

Descargar > ANEXO I CONCURSO

 

ENLACE Á VOTACION EN LIÑA