^ Ir arriba

novas

Thursday, 04 May 2017 11:17

"Visións" un proxecto de "Cinema e Muller"

O sábado 6 de maio, ás 20:00 horas, no Auditorio Lois Tobío, a través da Concellería de Igualdade e en colaboración coa Deputación de Pontevedra, terá lugar a proxección da película colaborativa Visións, enmarcada no proxecto da Deputación de Pontevedra "Cinema e muller", que ten por obxectivo visibilizar as creadoras do audiovisual da provincia para promover unha maior participación das mulleres na creación da cultura e da arte.

Visións trátase dunha película na que participan activamente dez mulleres cineastas da provincia de Pontevedra. Achegan dez olladas nas que cinema e arte se funden nunha produción íntima e poliédrica, centrada en cuestións relacionadas co xénero. Así, a película aborda desde a intimidade da creación e a construción da corporeidade da natureza, ata berros, o corpo feminino, o día a día dunha creadora audiovisual, a dificultade de conciliar, así como a relación entre a casa e a muller ou entre xeracións de mulleres dunha mesma familia.
Nesta película colaborativa, promovida pola institución provincial, participan Carla Andrade, Bego Santiago, Carme Nogueira, Eva Calvar, Sonia Méndez, Andrea Zapata, Lara Bacelo, Olaia Sendón, Diana Toucedo e Claudia Brenlla. Visións, realizada en dous meses, inclúe dez minicurtas, nas que as directoras fixeron tamén de cámaras e de montadoras, e realizaron a película de principio a fin, coas súas propias mans, cun axustado orzamento como exemplo do cinema que practican.

O proxecto "Cinema e muller", que impulsou a posta en marcha da película Visións, trátase dunha aposta por dar visibilidade ao traballo das máis de setenta mulleres que se dedican ao mundo audiovisual da provincia de Pontevedra, ben como cineastas, ben como editoras, produtoras ou guionistas.
Nesta ocasión contaremos coa presenza de XISELA FRANCO cineasta con experiencia na dirección de documentais e películas experimentais. É licenciada en Comunicación Audiovisual e en Humanidades pola Universidade Europea de Madrid. Residiu nesta cidade nove anos, onde fundou Epojé Films, produtora coa que guionizou e dirixiu varios documentais dunha serie producida por TVE, Paisajes de la historia. Ao tempo, dirixiu filmes con vocación artística nos que fixo o traballo de cámara, a montaxe e a produción. A súa obra Aadat (2004), unha historia do pobo saharauí narrada por unha muller, codirixida con Noé Rodríguez, recibiu o Premio Ciudad de Madrid ao mellor documental español no Festival DocumentaMadrid, e foi finalista en festivais coma Lepzig Documentary Film Festival, Ludwisgburg European Short Film Biennale ou Images Festival en Toronto. Mudouse a Canadá cunha bolsa da Fundación Caixa Galicia e realizou un mestrado sobre cinema en York University. A súa tese de licenciatura é unha longametraxe experimental autobiográfica, Anima urbis, supervisada polo cineasta Phil Hoffman. Volveu a España en 2010 e asentouse en Vigo. Dirixiu a serie de documentais para a TVG As raíces da industria de Galicia (2012-2013), así como os documentais Camerún al norte (2012) e SOS Comuneiros de Cabral (2013). En 2015 o MARCO de Vigo outorgoulle a bolsa de produción Artistas15. A comezos de 2016 cursa o doutoramento en Arte Contemporánea na UVigo, co cine de museo como tema de tese. Varias das súas películas foron comisariadas ou producidas polos museos para exposicións, coma o Museo da Cidade da Cultura de Galicia, o Espazo de Arte Normal e o Museo Provincial de Lugo, e expuxo en mostras colectivas na Galería Atlántica da Coruña ou na Casa das Artes de Vigo.