^ Ir arriba

novas

Tuesday, 03 January 2017 23:26

Aberto o prazo ata o 1 de febreiro para que grupos e artistas da provincia de Pontevedra soliciten a inscrición no programa PONTEGAL

A Deputación, no seu afán de impulsar e fomentar a cultura popular en lingua galega nas múltiples e variadas expresións artísticas e en colaboración cos concellos, as agrupacións, as entidades e as asociacións culturais, pon en marcha o Pontegal 2017. A través deste Plan retribuiráselles aos grupos da provincia polas actuacións autorizadas e realizadas ao longo do ano 2017 no ámbito territorial da provincia de Pontevedra.

Poderán solicitar a inclusión no Pontegal ata o 1 de febreiro as bandas de música, masas corais, grupos folclóricos, grupos de gaitas, bandas de gaitas, agrupacións de música tradicional, de música clásica ou de teatro, entre outros, co fin de contribuír a difundir e promover a música, o folclore, o teatro, a danza, o audiovisual e as demais manifestacións artísticas.

Pontegal é un programa a través do cal a Deputación de Pontevedra colabora cos concellos e asociacións sen ánimo de lucro da provincia na contratación de grupos, compañías e artistas inscritos no programa. No ano pasado contou con 1.346 grupos, compañías e artistas inscritos e se apoiaron 2.595 actuacións organizadas dende concellos e asociacións. Espérase que o número se incremente xa que este ano a aposta polo programa é meirande, cunha partida que ascende dos 700.000€ da edición do ano pasado aos 800.000€ cos que contará Pontegal 2017.

Solicitude dunha actuación:

As entidades solicitantes, como organizadoras dos actos, poranse en contacto coas agrupacións acollidas ao Pontegal para concretar a data e as condicións da actuación e facilitarlles un escenario ou marco adecuado para a realización do concerto ou a escenificación da obra, sen que se lles presente ningún impedimento.

Os adxudicatarios de cada actuación están obrigados a facer mención, na propaganda e na publicidade oral e escrita que confeccionen, do patrocinio do acto por parte da Deputación de Pontevedra, obriga que, de non se cumprir, deixaría sen efectos a concesión realizada.

BASES BOPPO 

Captura de pantalla 2017 01 03 a las 23.36.45