^ Ir arriba

novas

Tuesday, 20 December 2016 10:44

Incremento substancial dun 70% o numero de vendedores para o mercado dos sábados de Gondomar.

Praza de abastos, vendedores ambulantes, comercio local, hostalería, mercado agroecolóxico e artesáns serán os eixos sobre os que pilote o novo mercado semanal.

Se para o tradicional mercado dos luns, había unha oferta de 29 ambulantes rexistrados, para o novo mercado sabatino xa hai inscritos, a día de hoxe, 38 vendedores das máis variadas ofertas: froita, calzado, roupa, artigos de fogar, ferretería, horta , panadería...
Queremos agradecer o esforzo dos vendedores por adaptarse a esta nova data na cita semanal, xa que implicou unha reorganización das súas xeiras por outras vilas. A nosa gratitude ven dada polo feito de que agora poderemos presentar un abano de produtos máis diversificado, e por tanto, máis interesante para compradores liberados das ataduras laborais semanais.
O proxecto da Concellería de Comercio deseñado por Xosé Antón Arauxo, tamén contempla o reforzamento da Praza de Abastos, onde a experiencia de décadas dos profesionais en produto fresco: carnes, mariscos, peixes, froita, horta...sumaranse agora 12 novos postos de venda que o Concello vai por en servizo.Variedade, frescura, produto local e prezo deben ser os nosos sinais de identidade e vantaxes comparativas co comercio periférico.
O Concello de Gondomar, quere neste ámbito abrir unha nova liña de colaboración cos produtores locais de produtos artesáns e agroecolóxicos. Con este fin empezarán a funcionar o 14 de xaneiro de 2017, os Encontros de Consumo Responsable, que terán un carácter quincenal. Celebrarase os segundos e cuartos sábados de mes. Nas proximidades co concello podemos atopar produción propia, ecolóxica e agroecolóxica (froitas, hortalizas, queixos, mel e outros produtos da casa), así como artesanía.
Os Encontros de Consumo Responsable, non se limitarán a venda, senón que serán o epicentro de propostas culturais, musicais, sociais, etc.
Neste obxectivo, tamén incluímos ao comercio local que ten sufrido de xeito dramático os golpes da crise, que deixou esquilmadas as nosas rúas... Especialidades reposteiras, lugares de xantar no centro da vila ou esparexidos por paraxes impresionantes e nas parroquias.
Os técnicos en comercio e economía social consultados por esta Concellaría estiman que a medio prazo Gondomar, poderase ir consolidando como unha oferta atractiva para persoas de fora do Concello que terán un lugar onde saír, comprar, procurar lecer, visitar unha vila co encanto do pasado e próxima de paisaxes espectaculares, ideais para aproximarse a natureza desde os entornos máis urbanitas.

 7