^ Ir arriba

novas

Friday, 09 December 2016 13:40

ACTO DE ENTREGA DO IX PREMIO DE POESÍA VICTORIANO TAIBO

O concello de Gondomar e o Instituto de Estudos Miñoráns convocan os interesados a asistiren ao acto de entrega do IX Premio de Poesía Victoriano Taibo, galardón que recaeu no poeta fisterrán de Cee Xosé Iglesias Lamela polo poemario titulado A relixión do mar, un libro no que o autor demostra o seu coñecemento sobre o mundo mariñeiro dende a mesma construción da embarcación, sen abandonar a linguaxe poética.

O acto, conducido por Marta Dacosta, poralle un marco adecuado ao momento no que Xosé Iglesias, despois de ser introducido por Xosé Lois Vilar, recolla o galardón da man de Francisco Ferreira, alcalde de Gondomar, e recite algúns poemas do seu libro. O premio está dotado con 3000 € e unha peza escultórica obra do artista miñorán Fino Lorenzo. Este evento cultural, que terá lugar no auditorio municipal Lois Tobío de Gondomar o sábado 10 de decembro ás 19:30 horas, estará amenizado pola banda de gaitas Balcón do Miñor, de Morgadáns, e contará tamén coa intervención de alumnos do CEP Neira Vilas, de Peitieiros. O presidente da Real Academia Galega farase cargo da clausura, que dará paso a un pequeno albaroque no vestíbulo do auditorio onde asistentes e participantes poderán intercambiar opinións e o autor asinará libros para quen o desexe.

taibo