^ Ir arriba

novas

Wednesday, 08 April 2015 07:46

Aberto o prazo de inscrición para o curso de operador de carretas elevadoras en Gondomar

Os interesados deberán presentar a solicitude, que estará dispoñible no CDL, entre o 13 e o 16 de abril, ambas as dúas datas incluídas

A Concellaría de Formación e Emprego do Concello de Gondomar, na actual programación de accións formativas para os seus veciños, organiza un curso de 'Operador de carretas elevadoras', en colaboración coa antena de Gondomar da Cámara de Comercio de Vigo.

O curso, que dispoñerá de 20 prazas, é gratuíto e contará con 25 horas lectivas de duración onde se terán en conta, tanto aspectos teóricos como prácticos, co obxectivo de formar os traballadores sobre o manexo seguro de cargas, con carretas elevadoras, poñendo en práctica as técnicas expostas na parte teórica, detectando e corrixindo os riscos principais no seu manexo.

A formación impartirase do 20 ao 24 de abril, ambos os dous días incluídos en horario de 9 a 14:00 horas e desenvolverase no Centro de Desenvolvemento Local do concello de Gondomar.

As persoas interesadas deberán cubrir unha solicitude que terán á súa disposición no Centro de Desenvolvemento Local do concello, que deberán presentar entre o 13 e o 16 de abril, ambas as dúas datas incluídas. Terán preferencia aquelas persoas que estean empadroadas en Gondomar, as persoas que estean desempregadas e inscritas na oficina de emprego e que conten cun maior período de desemprego. A xustificación destes requisitos entregarase xunto coa solicitude do curso.
.