^ Ir arriba

novas

Tuesday, 17 March 2015 07:49

Gondomar pecha 2014 con superávit e cifras positivas de estabilidade presupostaria

Cúmprese en todos os seus parámetro a lei de estabilidade presupostaria e sostibilidade financeira aprobada polo goberno central

O concello de Gondomar pechou a liquidación de contas do ano 2014 con superávit. A concelleira de Facenda, Natalia Salgueiro, presentou o resultado da liquidación presupostaria do exercicio económico 2014, no pasado pleno do día 5 de marzo, que reflexa estabilidade presupostaria e un remanente de tesouraría de preto de 2.000.000 de euros.

No concello séntense moi satisfeitos porque lograron cumprir co establecido no plan económico financeiro aprobado no mes de xuño, o que lle permite agora presentar unhas contas cun superávit superior aos 178.000 euros e un cumprimento da regra de gasto por enriba dos 450.000 euros.

Outro dato importante a destacar é a rebaixa da débeda contraída coas entidades financeiras, que pasou de 2.400.000 euros a apenas 560.000 euros, situándonos en niveis de endebedamento dun 7,53% moi por debaixo dos permitidos por lei.

A isto debemos engadir a significativa redución dos prazos de pagamento a provedores, e podemos dicir que actualmente o departamento de intervención se encontra ao día nos pagamentos ás pequenas e medianas empresas que prestan os seus servizos a este concello.

O concello de Gondomar, considera que estes datos positivos se deben ao "rigor e responsabilidade" coa que se xestionaron as contas municipais, e o impecable control do gasto realizado, "rendibilizando ao máximo os recursos municipais e acolléndonos ás diferentes convocatorias de subvencións dos distintas administracións públicas", axustándonos á realidade actual, sen deixar de lado o desenvolvemento e a prosperidade de Gondomar, e atendendo as necesidades sociais dos veciños.

Dende a concellaría de Facenda, Natalia Salgueiro, agradece o labor levado a cabo polos funcionarios deste departamento, recoñecendo a súa implicación e responsabilidade co gran traballo levado a cabo, que permitiu ao concello de Gondomar cumprir os parámetros da lei presupostaria e sostibilidade financeira aprobada polo goberno central.