O Club de Patinaxe Artística CPA Gondomar alcanzou o oitavo posto no Campionato Nacional Alevín celebrado o pasado fin de semana en Ripollet.
Xosé Andrés Cruz foi o merecedor do oitavo posto, de entre os 17 participantes, resultado que o club e o seu adestrador, David Figueroa, gaban xa que o mozo deportista se iniciou no mundo da patinaxe artística hai tan só 9 meses, "polo xeral necesítanse varios anos de adestramento antes de acceder a unha categoría deste nivel e Xosé, en tan só uns meses, xa se situou entre os mellores do país", comenta o seu adestrador David.
O mozo deportista comezou como membro do Club de Patinaxe Artístico CPA Gondomar a finais de xaneiro e nos inicios do verán participaba xa no campionato provincial e autonómico, clasificándose así para o nacional.
David Figueroa celebra, ademais do resultado alcanzado, o desenvolvemento do club en xeral, xa que con menos dun ano de vida superan os corenta deportistas dos once que inauguraron o novo club gondomareño.