^ Ir arriba

novas

Thursday, 30 October 2014 14:35

Gondomar leva a Pleno a cancelación de crédito por solvencia económica das arcas municipais

O próximo xoves día 6 de novembro, o Concello de Gondomar levará a Pleno unha modificación orzamentaria para a cancelación dun crédito contratado no ano 2012 ao concluír, tras os informes dos técnicos municipais, que as arcas municipais contan con fondos líquidos abondo para cancelar a débeda.

No exercicio de 2012 o actual goberno decidiu acollerse ao Real Decreto 4/2012 para poñer ao día as facturas pendentes de pagamento a provedores, que nesa data ascendían a 1 millón 657 mil euros.

No presente ano apróbase o Real Decreto 8/2014 coa finalidade pública de posibilitar aos concellos a redución da carga financeira dos contratos de préstamo asinados co Fondo para Financiamento dos pagamentos a provedores. Así, tras sondar as entidades financeiras, o Concello de Gondomar constata o considerable aforro que supoñería para as contas municipais a cancelación do crédito tendo en conta, ademais, que o concello posúe depósitos a prazo fixo por un importe superior aos 2 millóns 850mil euros.

Outras variables a ter en conta para a cancelación do crédito son a situación dos fondos líquidos, que ao finalizar o terceiro trimestre do presente ano superan os 4 millóns de euros, así como o remanente de tesouraría para gastos xerais, que supera os 3 millóns 700 mil euros. Á súa vez, o goberno central, dentro das medidas de control sobre as entidades locais, establece como uso primario do remanente a amortización da débeda, limitando polo tanto o seu uso para outro tipo de finalidade.

Segundo informa a concelleira de Facenda Natalia Salgueiro, coa cancelación deste crédito o nivel de endebedamento do Concello quedaría situado moi por debaixo do permitido por lei. Esta decisión de suspensión supón ademais, " un xesto responsable por parte do goberno local, xa que deixa en boa posición as arcas municipais para os gobernos vindeiros", sinala Salguerio.