^ Ir arriba

novas

Tuesday, 21 October 2014 12:11

Gondomar premia aos seus hostaleiros

Tapas do Conde 2014O pasado lúns día 20 de outubro tivo lugar a entrega de premios do concurso Tapas do Conde celebrado en Gondomar o pasado mes de agosto no que máis de 20 establecementos participaron nas categorías salgado e doce.
O acto de entrega tivo lugar no Pazo do Conde de Gondomar e estivo presidido polo alcalde Fernando Guitián, a concelleira de Turismo e Comercio Paula Bouzos, o Conde de Gondomar, Gonzalo Fernández de Córdoba e a presidenta da asociación de Empresarios e Comerciantes do Val Miñor, Ovalmi, Ana Ferreiro.
Na categoría de tapa salgada o primeiro premio recibiuno a cervexaría Ágora, o segundo a cervexaría Yantar e o terceiro o restaurante "La Vitrola". Na categoría de tapa doce a cervexaría Ágora foi novamente a elexida para levarse o primeiro premio, seguida do restaurante "La Vitrola" e a tapería Seixos, premios outorgados dacuerdo ás votacións particulares dos clientes.
O Conde de Gondomar, Gonzalo Fernández de Córdoba, agradeceu a presencia dos asistentes no seu fogar invitándoos a sentirse coma na súa propia casa, "este pazo é do pobo", comentaba. Ana Ferreiro, presidenta de Ovalmi, resaltou a importancia de que os comerciantes traballen unidos para conseguir a promoción de Gondomar, "hai que conseguir que se achegue ao noso municipio xente de outras zonas e iso lograse coa unión e o esforzo colectivo". Pola súa parte o alcalde de Gondomar, Fernando Guitián, fixo fincapé na necesidade do traballo conxunto non só entre os hostaleiros, se non tamén entre éstos e o Concello, "é preciso un interlocutor que exixa ao Concello aquilo que cre que pode ser bo para o pobo e desenvolver unha relación de cooperación para resolver, na medida que sexa posible, estas necesidades con beneficio colectivo". Así mesmo, Fernando Guitián recoñeceu o Pazo do Conde de Gondomar coma "un dos entornos máis bonitos do Val Miñor", e agradeceu a axuda e disposición do Conde para a celebración deste acto.
Esta segunda edición do concurso Tapas do Conde xuntou un maior número de asistentes que a edición anterior, polo que as autoridades e organizadores implicados aseguraron traballar arduamente de cara ao vindeiro ano e convertir a festa nunha tradición de referencia do verán gondomareño, "sen a vosa colaboración e ilusión esta iniciativa non sairía adiante", destacaba Paula Bouzos, concelleira de Turismo e Comercio.