^ Ir arriba

novas

Friday, 01 August 2014 11:17

Fernando Guitián e Patricia Durán clausuran o campamento de lecer Gondoverán

No campamento, que se desenvolveu durante o mes de xullo, participaron 70 menores de entre 3 e 12 anos

Realizáronse visitas ao Pazo do Conde de Gondomar, a unha panadería local ademais dunha excursión ao Monte Galiñeiro

O alcalde de Gondomar, Fernando Guitián, e a concelleira de Igualdade, Patricia Durán, clausuraron esta mañá, no CEIP Chano Piñeiro, o Gondoverán, o campamento de lecer e tempo libre no que participaron 70 rapaces e rapazas, de entre 3 e 12 anos, durante todo o mes de xullo. Nesta última xornada do Gondoverán celebrouse unha gran Kermesse (festa) chea de xogos e diversión.

Esta iniciativa, posta en marcha pola Concellaría de Igualdade a través do Centro de Información á Muller coa colaboración da Deputación de Pontevedra, tivo como obxectivo favorecer a conciliación da vida familiar e laboral durante o mes de xullo, e potenciar o desenvolvemento integral do neno/a a través dunha programación que combinou os xogos con actividades creativas, culturais e coñecemento do entorno próximo, dende unha pedagoxía do lecer baseada na educación en igualdade e hábitos saudables; todo elo supervisado por monitores con formación en igualdade de oportunidades.

Actividades

Entre as actividades realizadas, os nenos e nenas achegáronse á panadería local Copena para coñecer o proceso de elaboración do pan e realizaron unha visita ao Monte Galiñeiro e ao río. Os participantes de Gondoverán tamén se desprazaron ao Pazo do Conde de Gondomar, onde descubriron as antigas entradas do edificio, a importancia dos xardíns, o Patio de Armas e o escudo da fachada.

Durante o mes de xullo, no Gondoverán tamén se realizaron obradoiros de reciclaxe, cociña e pompas de xabón. Ademais, durante dúas xornadas os/as rapaces/rapazas do Gondoverán visitaron os stands do Centro Juan María, que estiveron instalados no municipio. O campamento organizado polo Concello tamén recibiu a visita da campaña da Consellaría do Medio Rural e do Mar 'Ponlle as pilas ao teu bocata', coa que se pretende amosarlle aos menores as potencialidades dos produtos en conserva.

A concelleira de Igualdade, Patricia Durán, manifestou o seu agradecemento á dirección do CEIP Chano Piñeiro, por brindar as súas instalacións para o desenvolvemento do campamento, así como á empresa encargada do Gondoverán, ao Conde de Gondomar, á panadería Copena e a todas as empresas e establecementos que colaboraron e fixeron posible esta edición do Gondoverán.