^ Ir arriba

novas

Wednesday, 30 July 2014 12:36

Sogama convida a particulares a visitar o seu complexo medioambiental de Cerceda durante os meses de agosto e setembro

Consciente das limitacións que moitos cidadáns teñen á hora de integrarse en grupos, a entidade decide levar a cabo esta iniciativa no marco da súa política de transparencia informativa e portas abertas, dando a oportunidade a que todas as persoas que así o desexen efectúen un percorrido guiado polas súas instalacións centrais

A solicitude de cita debe realizarse a través do Departamento de Comunicación da Sociedade (teléfonos de contacto: 981698500/12/11) a fin de proceder á xestión da petición e intercambiar a documentación pertinente, pois non debe esquecerse que se trata de instalacións industriais suxeitas a un rigoroso protocolo de seguridade e control

De cara aos meses de agosto e setembro, e no marco da súa política de transparencia informativa e portas abertas, Sogama invita aos particulares que así o desexen a visitar o seu complexo medioambiental de Cerceda, onde se centralizan os residuos urbanos producidos na maior parte do territorio galego.

A empresa, consciente das limitacións que algúns cidadáns teñen para integrarse en grupos, dedicará determinados días de cada mes a atender as distintas solicitudes individuais recibidas. Con tal fin, estes deben contactar previamente co seu Departamento de Comunicación a través dos seguintes teléfonos: 981698500/12/11 a fin de reservar cita e intercambiar a documentación necesaria, pois non debe perderse de vista que se trata dunhas instalacións industriais suxeitas a un rigoroso protocolo de seguridade e control.

Os interesados serán atendidos por educadores medioambientais, os cales proporcionarán as explicacións pertinentes, adaptándoas ao seu perfil, guiándoos durante o percorrido a efectuar polas distintas plantas que conforman o complexo industrial.

O itinerario dará comezo pola de clasificación de envases, onde os visitantes poden comprobar o proceso de selección automática dos distintos materiais depositados pola poboación nos contedores amarelos de recollida selectiva (envases de plástico, latas e briks), destinando cada tipoloxía ao reciclador correspondente.

Acto seguido, tocaralle a quenda á planta de elaboración de combustible, na que, tras separar a parte susceptible de ser reciclada (aceiro, aluminio, vidro e aceiro residual), o resto convértese nun combustible derivado de residuos CDR que alimenta posteriormente unha planta termoeléctrica na que se xera electricidade suficiente para abastecer 100.000 vivendas.

Con isto, o cidadán disporá da información necesaria para coñecer con máis precisión a actividad de Sogama e facer unha valoración da mesma máis axustada á realidade.