^ Ir arriba

novas

Thursday, 10 July 2014 10:40

O Concello de Gondomar renova a iluminación do Parque das Ánimas e instala focos no torreiro das festas de San Blas, en Mañufe

No Parque das Ánimas substituíronse os equipos de arranque e as lámpadas de vapor de mercurio por outros de haloxenuros cerámicos de menor consumo

Por outra parte, o Concello, a petición dos veciños, dotou ao torreiro das festas de San Blas de iluminación para os eventos que alí se realicen

animasOperarios do servizo de iluminación pública do Concello de Gondomar levaron a cabo traballos para renovar a iluminación do Parque das Ánimas.

A actuación consistiu no cambio de 17 equipos de arranque e lámpadas de vapor de mercurio de 80 W por equipos e lámpadas de haloxenuros cerámicos de 70 W de potencia.

Segundo explica o concelleiro de Medio e Servizos, Juan Carlos González Camesella, as vantaxes desta operación son a maior eficiencia enerxética dos equipos instalados, o menor consumo e unha luminosidade máis acorde cun espazo verde.

Camesella declara que a execución desta medida é froito do bo traballo que os operarios deste departamento están a realizar e espera que este pequeno cambio sexa do agrado dos veciños.

Nova iluminación no Torreiro de San Blas

O torreiro de festas de San Blas, na parroquia de Mañufe, xa conta con iluminación para eventos.

O Concello de Gondomar, a petición do Centro Cultural da devandita parroquia, procedeu á instalación neste recinto de dous focos alóxenos de 400w cada un. Esta actuación permitirá aos veciños e veciñas desta parroquia gozar dunha iluminación axeitada para os actos festivos ou culturais que alí se realicen.

O concelleiro de Servizos, Juan Carlos González Camesella, asegura que o custo desta actuación é practicamente nulo, xa que "os traballos foron realizados por operarios municipais e os focos instalados proveñen dos retirados do campo de fútbol de As Cercas", "tras a renovación da iluminación do campo".