^ Ir arriba

novas

Tuesday, 08 July 2014 10:45

Fernando Guitián e Patricia Durán reciben aos nenos e nenas saharauis que pasarán o verán en Gondomar

A visita enmárcase dentro do programa 'Vacacións en paz 2014' posto en marcha pola asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharaui

Un total de 320 nenos e nenas pasarán os meses de verán en Galicia, dos cales 13 farano no Val Miñor

visita saharauis3

O alcalde do municipio, Fernando Guitián e a concelleira de Igualdade e Benestar Social, Patricia Durán recibiron esta mañá, na Casa Consistorial, aos nenos e nenas saharauis que pasarán o verán no Val Miñor xunto ás súas familias de acollida nun acto de recepción no que estiveron presentes tamén representantes da asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharaui.

Nesta ocasión, son un total de 13 nenos e nenas, de entre 7 e 12 anos, os que se beneficiarán deste programa no Val Miñor. Deles, 5 ficarán en Gondomar, 6 en Nigrán e 2 en Baiona. Enrique Porto, delegado da asociación no Val Miñor, agradece a enorme colaboración do Concello de Gondomar con este programa. "Todos os anos recíbennos cos brazos abertos e axúdannos en todo o posible", afirma.

A estancia de menores saharauis no Val Miñor inscríbese dentro do programa 'Vacacións en paz', posto en marcha pola asociación galega Solidariedade co Pobo Saharaui hai máis de vinte anos. "Aínda que xa son moitos os anos que levamos con este programa, o apoio non decae. Cada ano renóvanse as familias de acollida e a maioría delas repite experiencia", apunta Enrique Porto. Este ano, un total de 320 nenos e nenas saharauís pasarán os meses de verán en Galicia.

'Vacacións en paz' persegue proporcionar aos menores durante os dous meses de estancia en Galicia asistencia médica (a asociación conta cun convenio co Sergas nesta materia), a cobertura das necesidades alimenticias e ofrecerlles unha convivencia familiar e educación. Cómpre destacar que os meses de verán, que son os que os nenos pasan no Val Miñor, no deserto do Sahara as condicións acadan dimensións extremas, con temperaturas que poden pasar dos 50 graos centígrados.