^ Ir arriba

novas

Wednesday, 14 May 2014 13:35

A Concellaría de Cultura de Gondomar festexa as Letras Galegas con teatro e música

O Concello de Gondomar, a través da Concellaría de Cultura que dirixe Ignacio Troncoso, organiza tres actos para conmemorar o Día das Letras Galegas.

O venres 16, ás 22.00 horas, no Auditorio Lois Tobío, a compañía Teatro do Noroeste representará a obra A tixola polo mango. O prezo da entrada será de 3'50 €.

A celebración continúa o domingo 18 co Encontro Folk Facendo Amigos, organizado polo Centro Cultural de Chaín en colaboración coa Concellaría de Cultura. O certame congregará 6 grupos folclóricos da bisbarra (3 procedentes de Gondomar e 3 chegados de Nigrán e Baiona).

Os grupos percorrerán as principais rúas da zona urbana de Gondomar saíndo dous delas da Avenida do Conde, outras dúas da rúa Elduayen e as restantes de Eduardo Iglesias. Ás 11.30 horas reuniranse no Concello para partir, ás 12.00 horas, cara a distintos puntos da vila condal. En concreto, os grupos tocarán na rúa Ánimas, a Praza Rosalía de Castro e na Praza Escolas Vellas (Centro de Saúde).

Pecha a programación o concerto Un paso (sempre) adiante dos músicos Héctor Lorenzo e Santi Cribeiro, con varias pezas do autor homenaxeado, Xosé María Díaz Castro, e outras de autores como Manuel Antonio, Álvaro Cunqueiro, Celso E. Ferreiro, X. M. Álvarez Blázquez e Rosalía de Castro.

Este concerto, regalo da Editorial Galaxia á Concellaría, estará acompañado por un recital, con poemas de Díaz Castro, no que participarán representantes de diversas entidades culturais do municipio.

O acto, que terá lugar na tarde do domingo no Auditorio Lois Tobío, será conducido por Marta Dacosta.