^ Ir arriba

novas

Thursday, 08 May 2014 11:34

Barriga Verde será o protagonista da primeira xornada do II Festival Internacional de Teatro Ponte… Na Escena

A figura de Barriga Verde centrará as propostas da Asociación Morreu o Demo: por unha banda, o espectáculo Barriga Verde, con execución da compañía Viravolta Títeres; e por outra, o documental Morreu o Demo. Acabouse a peseta
Ademais, tamén contará cunha presenza constante ao longo do festival coa exposición Onde foi Barriga Verde? no Auditorio Lois Tobío, aberta ao público e ás visitas escolares

Mañá xoves, dá comezo a programación cultural incluída dentro da 2ª edición do Festival Internacional de Teatro Ponte... Na Escena, organizado pola Concellaría de Cultura de Gondomar xunto con Ponte... Nas Ondas e Limiar Teatro.

Para esta primeira xornada a organización programou dous eventos cun claro obxectivo: a recuperación dunha das expresións do noso patrimonio inmaterial, Barriga Verde, proposta ambiciosa da "Asociación Morreu o demo", coa execución de Viravolta Títeres que terá, ademais, unha presenza constante ao longo do festival coa exposición Onde foi Barriga Verde? no Auditorio Lois Tobío, aberta ao público e ás visitas escolares.

Todos os espectáculos contan cun prezo único de entrada de 4€, sendo as destinadas ao público infantil de 1€. Os interesados/as en asistir a varios espectáculos poderán facerse cun Bono, cuxo custo será de 10€, e permitirá a entrada en todas as representacións do Festival.

Barriga Verde –Viravolta Títeres-

Mesturando a tradición do títere galego coa europea, neste espectáculo de 50 minutos recóllense cinco situacións que Barriga Verde, coa axuda da súa cachaporra, resolve dun xeito que incomoda ao Demo, ao ver o seu inferno cheo de personaxes que non lle son gratos.

Espectáculo baseado na investigación que a compañía Viravolta fixo sobre a figura de Barriga Verde e o títere tradicional galego. Preséntase coma unha homenaxe ao Barriga Verde que a familia Silvent representou por Galicia na primeira metade do século XX .

Faranse dúas representacións no Auditorio Lois Tobío, ás 12.00 e ás 21.30 horas de mañá xoves.

Proxección do documental Morreu o Demo. Acabouse a peseta

Ás 20.00 horas, no Auditorio Lois Tobío, proxectarase o documental Morreu o Demo, acabouse a peseta, de 78' de duración, dirixido por Pedro Solla e producido por Tintimán Audiovisual.

O documental amosa o proceso de recuperación da barraca de Barriga Verde por parte dos membros da compañía Viravolta. Ao longo da súa investigación conversan cos descendentes da familia Silvent, creadores do personaxe de títeres de luva, así como con outros marionetistas europeos. Ademais realízase un achegamento ao títere de luva galego, e á tradición europea da que fai parte.

Exposición Onde foi Barriga Verde?

A exposición pretende animar o/a visitante a reflexionar, a partir do esquecemento da figura de Barriga Verde en apenas 40 anos, sobre a perda do patrimonio inmaterial. A transmisión interxeracional, a perda de identidade e a importancia de manter referentes propios que se poden reelaborar e recrear son temas que complementan a propia historia de Barriga Verde e da familia Silvent.

A mostra retrotráenos ao comezo das investigacións actuais sobre Barriga Verde, salientando a escaseza de material existente sobre a figura e amosando o proceso de esquecemento da mesma. As conexións europeas do espectáculo e do personaxe, a situación actual deste legado ou o mundo das feiras e a súa evolución son temas que tamén se abordan nunha linguaxe sinxela e complementados con ilustracións, mapas e fotografías.

Ademais, o discurso expositivo pretende actuar o punto de partida no actual proceso de recuperación do personaxe. Con este fin, déixanse abertos moitos dos contidos e saliéntase a falta de información que existe en varios casos.

A exposición conta cunha guía didáctica que se pode descargar desde a web barrigaverde.eu, na que se propoñen actividades para diferentes idades. A linguaxe, a historia, a expresión artística ou os procesos de recuperación de memoria son algúns dos ámbitos que se propoñen. Desde a elaboración de títeres ata análises sobre as formas de lecer de diferentes xeracións, hai actividades para diferentes idades e intereses.
A exposición permanecerá aberta ao público desde mañá día 8 ata o vindeiro 11 de maio no Auditorio Lois Tobío.

AC Morreu o Demo

A AC Morreu o Demo constituíuse en marzo de 2013 como unha entidade sen ánimo de lucro.

Porén, desde hai máis de 10 anos, as persoas que forman parte da Asociación traballan pola recuperación de Barriga Verde como expresión cultural autóctona en grave perigo de desaparición. Nos últimos tempos o nivel de coordinación de iniciativas foise intensificando, levándoos dun xeito natural a crear unha asociación cultural desde a que poder priorizar as accións e xestionar os recursos para avanzar de cara á recuperación do títere tradicional galego.

Encadrado do seu labor para a recuperación destes elementos da nosa cultura tradicional, a AC Morreu o Demo achega á sociedade unha serie de propostas divulgativas.

As súas actividades están dirixidas a diferentes idades e pretenden ser un xeito didáctico e sinxelo de se introducir no mundo do títere e de coñecer a Barriga Verde, personaxe senlleiro deste ámbito e referente fundamental da cultura popular galega do século XX.

Con estas propostas, AC Morreu o Demo quere animar ao contacto interxeracional e á recuperación da memoria sobre as feiras e festas de antano, como un primeiro paso para valorizarmos a vixencia de moitos elementos da nosa cultura tradicional no mundo de hoxe.