^ Ir arriba

novas

Friday, 04 April 2014 09:52

Gondomar celebra os Días Europeos da Artesanía con dúas xornadas de portas abertas

Mañá venres, día 4, e o sábado 5 de abril o edificio do Centro de Desenvolvemento Local acollerá en horario de 10.00 a 14.00 horas e de 16.00 a 20.00 horas diferentes talleres relacionados co sector artesán
Estas xornadas de portas abertas están organizadas pola Fundación Centro Galego da Artesanía e do Deseño, en colaboración co Concello de Gondomar e a Asociación Galega de Artesáns Tradicionais

Na mañá de hoxe tivo lugar a presentación das actividades que a Fundación Centro Galego da Artesanía e do Deseño, en colaboración co Concello de Gondomar e a Asociación Galega de Artesáns Tradicionais, van levar a cabo no municipio con motivo da celebración dos Días Europeos da Artesanía.

Durante mañá venres, día 4, e o sábado 5 de abril o edificio do Centro de Desenvolvemento Local do Concello acollerá en horario de 10.00 a 14.00 horas e de 16.00 a 20.00 horas unha serie de actividades relacionadas co sector artesán, entre as que se encontran: un taller de coiro, taller de teares de baixo lizo, taller de oficios de moda, taller de centón, taller de tinguidura, taller de tecidos de marco e un taller de papel.

Esta iniciativa tamén ten como obxectivo achegar os oficios máis tradicionais aos nenos e nenas, por iso os diferentes centros educativos do municipio foron invitados a participar nestas xornadas de portas abertas. Algúns deles xa confirmaron a súa asistencia. Os nenos e nenas poderán participar activamente nos talleres, entre os que destacan o taller de estampado. Os pequenos poderán levar a súa propia camiseta ou bolsa de tea para crear unha peza única e personalizada utilizando as distintas ferramentas postas ao seu alcance.

Á presentación desta mañá asistiron, Albino Quinteiro, presidente da Asociación Galega de Artesáns Tradicionais e vogal do padroado da Fundación Centro Galego da Artesanía e do Deseño; e Natalia Salgueiro, concelleira de Formación e Emprego de Gondomar.

Días Europeos da Artesanía 2014

Os días 4, 5 e 6 de abril celebraranse novamente en España os "Días europeos da artesanía". Os países participantes son: España, Francia, Bélxica (provincia de Lieja), Hungría, Italia (Toscana e Lombardía), Letonia e Suíza (cidade de Xenebra). Un evento promovido en Galicia pola Fundación Centro Galego da Artesania e do Deseño, o Concello de Gondomar e a Asociación Galega de Artesáns Tradicionais, baixo o que se acolle unha serie de actividades relacionadas co sector artesán.

O obxectivo destas actividades é a de achegar ao público o mundo do patrimonio e da creación, mediante unha oferta de eventos para todos os públicos en torno ao sector da artesanía.