^ Ir arriba

novas

Monday, 24 March 2014 08:39

Escolares do Xosé Neira Vilas participan nun almorzo saudable no ‘Terras do Miñor’

De mans dunha nutricionista, os pequenos/as coñeceron a importancia de levar hábitos de vida axeitados, especialmente no referente á importancia dun bo almorzo

Máis dun centenar de rapaces de colexios de Gondomar, Baiona e Nigrán participaron na actividade

almorzo saudable

Un total de 59 alumnos e alumnas do colexio Xosé Neira Vilas, participaron nunha xornada dirixida a escolares dos tres municipios da Mancomunidade do Val Miñor co obxectivo ensinar aos máis pequenos a almorzar dun xeito saudable.

A actividade tivo lugar no obradoiro Terras do Miñor, en Nigrán, e nel participaron máis dun centenar de rapaces e rapazas procedentes de colexios de Nigrán, Baiona e Gondomar.

Os pequenos/as coñeceron a importancia de levar hábitos de vida axeitados, especialmente no referente á alimentación, na procura de axudar a xerar costumes e actitudes saudables que contribúan ao seu crecemento. Nutrirse ben desde o comezo do día é moi importante, e un bo almorzo é preciso para comezar a xornada con enerxía.

Os nenos e nenas gozaron compartindo o seu almorzo saudable, cos seus compañeiros, incorporando frutas e iogur e eliminando a bollería, á vez que son cada vez máis conscientes da súa importancia. Ao finalizar as actividades, recibiron unha charla educativa da man da nutricionista Gloria Pérez que lles destacou a importancia dun bo almorzo e deulles unhas pautas para alimentarse de xeito saudable.

Na actividade tamén estiveron presentes Paula Bouzós, concelleira de Educación de Gondomar, Mª Carmen Alonso-Macías, concelleira de Sanidade e Benestar de Nigrán e María Jesús Garbín Domínguez, concelleira de Educación de Baiona.