^ Ir arriba

novas

Friday, 21 March 2014 12:31

Gondomar acolle o II Duatlón Escolar

A proba, clasificatoria para a final provincial, conta con 70 inscritos e está organizada pola Secretaría Xeral para o Deporte, en colaboración coa Federación Galega de Triatlón e Triatlón Mar de Vigo

Será mañá sábado, a partir das 16.00 horas

Mañá sábado 22 de marzo, a partir das 16:00 horas, o municipio acollerá o II Duatlón Escolar de Gondomar, clasificatorio para a Final Provincial.

A proba, na que están inscritos 70 participantes das categorías benxamín, alevín, infantil e cadete, terá como punto de partida e meta o campo de fútbol do municipio.

Os deportistas recorrerán distintas distancias, correndo e en bicicleta, segundo a súa categoría. Así, en benxamín os/as participantes correrán 500 metros, farán 2 quilómetros en bicicleta e correrán outros 250 metros. Os alevíns farán un quilómetro de carreira, 4 quilómetros de bici e 500 metros de carreira a pé. En infantil, 1,5 quilómetros de carreira, 6 quilómetros a pedais e 750 metros de carreira. Por último, na categoría cadete correrán 2 quilómetros a pé, farán 8 quilómetros subidos á bicicleta e completará a proba con 1 quilómetro de carreira.

O Duatlón Escolar está desenvolvido pola Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia, en colaboración coa Federación Galega de Triatlón e Triatlón Mar de Vigo.