^ Ir arriba

novas

Friday, 21 March 2014 09:16

O Concello de Gondomar presenta ante a Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado o seu Plan de Emprego Xuvenil

O proxecto foi presentado nunha reunión na que estiveron presentes o director da Secretaría Xeral de Xuventude e Voluntariado, Ovidio Rodeiro, o concelleiro de Xuventude de Gondomar, Ignacio Troncoso e a concelleira de Formación e Emprego, Natalia Salgueiro

O plan de Emprego Xuvenil busca como principal obxectivo loitar contra o desemprego xuvenil, dinamizando a actividade do tecido económico local e procurando mellora-la calidade de vida e o benestar da cidadanía de Gondomar

Como primeiras medidas estanse a levar a cabo actuacións de potenciación nos sectores de comercio e turismo

"Consensuar entre tódolos axentes socioeconómicos locais unha estratexia e conxunto de accións, periodificadas a 3 anos, encamiñadas a loitar contra o desemprego xuvenil, dinamizando a actividade do tecido económico local e procurando mellora-la calidade de vida e o benestar da cidadanía de Gondomar". Este é o obxectivo principal do Plan de Emprego Xuvenil do Concello de Gondomar presentado esta mañá ante a Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado da Xunta de Galicia.

O plan dirixido aos mozos e mozas de Gondomar e contorna menores de 30 anos que se atopan es situación de desemprego, ve a luz despois dun ano de traballo e esforzo con diferentes sectores estratéxicos.

Para chegar a establecer as liñas de actuación deste Plan de Emprego, foi necesario realizar unha diagnose da situación demográfica e socioeconómica do concello e de toda a súa contorna no que se reflectiron diferentes eixos estratéxicos. Para elo, establecéronse reunións e mesas de traballo cos distintos actores políticos, sociais e económicos do territorio, como son as asociacións xuvenís, culturais, educativas, etc, o que "ten como resultado o consenso á hora de enfocar e diagnosticar as causas e consecuencias do problema do desemprego xuvenil na localidade", sinala Ignacio Troncoso, concelleiro de Xuventude do municipio.

Tras establecer a situación do desemprego , focalizado na franxa de idade comprendida entre 16 e 29 anos, o documento establece un marco de actuación estratéxico para que, ao longo de 3 anos, se vaian deseñando un conxunto de políticas públicas, entre as concellarías de Formación e Emprego e Xuventude, encamiñadas a resolver ou palia-lo problema do desemprego, focalizando nas altas taxas de paro xuvenil.

Comercio e turismo

Como unha das primeiras medidas deste Plan de Emprego Xuvenil, estase levar a cabo un censo de comerciantes actualizado co obxectivo de servir como instrumento estatístico para dispoñer de información adecuada sobre a estrutura comercial de Gondomar para a elaboración e definición das políticas públicas no desenvolvemento e consolidación do sector comercial, así como, da calidade dos servizos e atención aos dereitos e intereses dos consumidores e usuarios.

Por outra banda, busca establecer un contacto directo entre comerciantes- institucións- consumidores dinamizando a actividade comercial e fomentando o asociacionismo.

En canto ao turismo, estase a realizar un catálogo patrimonial no que se rexistren os lugares e monumentos do Concello para, así, coñecer en forma cuantitativa e cualitativa o patrimonio cultural para, por exemplo, determinar o seu estado, establecer medidas de conservación ou explotar adecuadamente o turismo.

O Plan de Emprego Xuvenil do Concello de Gondomar "é un proxecto ambicioso, pero sobre todo necesario para os nosos mozos e mozas", recoñece Natalia Salgueiro, responsable da área de Formación e Emprego.

A intención é que ,en breve, o documento sexa presentado ante as diferentes consellerías das áreas implicadas.

O proxecto foi presentado nunha reunión na que estiveron presentes o director da Secretaría Xeral de Xuventude e Voluntariado da Xunta de Galicia, Ovidio Rodeiro, o concelleiro de Xuventude de Gondomar, Ignacio Troncoso e a concelleira de Formación e Emprego, Natalia Salgueiro.