^ Ir arriba

novas

Thursday, 13 March 2014 11:15

'Unha comparsa la mar de salá' da Asociación de Carnavales de Mañufe, gañadora do desfile de Entroido de Gondomar

O 2º e 3º premio recaeron en 'La Mar de Salaos' de Baiona e en 'Vinciocas' da Asociación de Veciños Galiñeiro de Vincios respectivamente

Desfile Hugo Aboal

Foto: Hugo Aboal

Despois de ser posposto polo mal tempo, o día grande do Entroido chegou, por fin, a Gondomar da man do tradicional desfile de comparsas. Quince comparsas chegadas de Nigrán, Tui, Tomiño, A Guarda, Vigo e o mesmo municipio encheron de cor e música as principais rúas do Concello.

A xornada comezou coa animación de Treboada (Tomiño) e Animar-T. Logo da lectura do pregón, que este ano correu a cargo do Gondomar C.F., con motivo da celebración do seu centenario, deu comezo o festival de música e cor da man das comparsas participantes. Tras o percorrido polas principais vías de Gondomar reuníronse na Praza do Concello agardando polo veredicto do xurado.

Finalmente o xurado, composto por membros que integran o mundo social-artístico-cultural do municipio outorgou o primeiro premio dotado de 700 euros á Asociación de Carnavales de Mañufe, con Unha comparsa la mar de salá. La mar de salaos, de Baiona, e Vinciocas da Asociación de Veciños Galiñeiro de Vincios recibiron o segundo e terceiro premio, respectivamente, dotados con 600 e 500 euros cada un. Ademais dos premios en metálico, tamén recibiron un cesta de produtos porcinos.

O premio especial á mellor carroza das comparsas, dotado de 300 euros, volveu a recaer na Asociación de Carnavales de Mañufe.

Desde o Concello de Gondomar agradécese a grande participación neste tradicional desfile, que a pesares de ser posposto nun principio congregou a un gran número de veciños e participantes.