^ Ir arriba

novas

Thursday, 06 March 2014 13:10

Gondomar conmemorará o Día da Muller cunha Carreira a prol da Igualdade

Percorrerá as rúas do Concello desde as 12.20 horas de mañá venres

Xunto con esta actividade a Concellaría de Igualdade tamén levará a cabo o Concurso a prol da corresponsabilidade

CIRCUITO

Como conmemoración do Día Internacional da Muller, o Concello de Gondomar organiza, a través da Concellaría de Igualdade, para mañá venres as seguintes actividades:

Carreira a prol da Igualdade

En colaboración cos IES Auga da Laxe e Terra de Turonio farase unha carreira a prol da igualdade, contando con 111 alumnos/as participantes de 3º da ESO.

A carreira desenvolverase a partir das 12.20 horas polas rúas do Concello co gallo de favorecer a visibilidade da actividade.

Nun primeiro momento e antes de comezar a carreira, dividirase ás persoas participantes en parellas, promovendo o establecemento de parellas mixtas (rapaza-rapaz). A cada persoa participante se lle entregará un mandil co logo da carreira.

As parellas irán unidas entre si mediante unha goma nos pes e outra nas mans; de modo que realicen a carreira unidos/as por medio destes elementos. Unha vez que todos/as os/as participantes estean unidas mediante estes elementos, aclararase o percorrido, a necesidade de pasar polo checkpoint para recoller a súa proba, e a chegada á meta.

Unha vez vaian chegando todas as parellas, e antes de traspasar a liña de meta, deberán indicarlle a unha das persoas dinamizadoras a resposta correcta á proba de tipo lóxico-deductivo facilitada no checkpoint. As parellas que non respondan correctamente á proba non poderán traspasar a meta e irán formando unha fila por orden de chegada. Cando teñan a solución, comunicaranllo a unha das persoas organizadoras.

As tres primeiras parellas que resolvan correctamente a proba e finalicen a carreira pasarán á gran final onde participarán no Concurso a prol da corresponsabilidade.

Concurso a prol da corresponsabilidade

Unha vez rematada a carreira, todos/as os/as participantes dirixiranse ao Auditorio onde as tres parellas finalistas da carreira deberán competir entre si a través de distintas probas que se irán intercalando de modo sucesivo. Unha vez realizadas todas as probas procederase ao reconto de puntos.

Cada unha das parellas finalistas recibirá un premio pola súa participación que será definido previamente.