^ Ir arriba

novas

Thursday, 27 February 2014 08:49

Gondomar acollerá a primeira das xornadas da Fase Sur de XogaJudo

A competición celebrarase o vindeiro sábado 1 de marzo, ás 11.00 horas no Pavillón de Deportes do municipio

Esta mañá tivo lugar, no Centro Neural, a presentación desta actividade organizada pola Federación Galega de Judo baixo o patrocinio da Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia

No acto estiveron presentes o alcalde, Fernando Guitián, a concelleira de Deportes, Natalia Salgueiro, o Presidente da Federación Galega de Judo, Mario M. Muzas e responsables da Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia

XogaJudo3

O Centro Neural de Gondomar acolleu, esta mañá, a presentación de XogaJudo, unha actividade organizada pola Federación Galega de Judo e enmarcada dentro do programa Xogade da Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia.

A actividade, na que participan aproximadamente 1500 rapaces e rapazas en toda a provincia, ten como principais obxectivos iniciar aos nenos e nenas na competición deportiva dun xeito sinxelo e divertido; ademais de estimular e educar cun regulamento que dá prioridade a valores como o compañeirismo por riba do resultado deportivo.

Gondomar será o escenario da primeira destas xornadas da Fase Sur, que terá lugar o vindeiro sábado 1 de marzo, ás 11.00 horas no Pavillón de Deportes do municipio. Na competición participarán un total de 335 rapaces e rapazas de entre 11 e 14 anos, 88 na categoría feminina e 247 na masculina.

Deste xeito, o Concello de Gondomar quere promover a súa escola municipal de judo, implantada este ano por primeira vez pola Deputación de Pontevedra e que se desenvolve no pavillón municipal os venres, en horario de 17.00 a 18.00 horas.

Natalia Salgueiro, concelleira de Deportes do municipio, agradece tanto á Federación Galega de Judo como á Secretaría Xeral para o Deporte que "escollesen Gondomar como a primeira parada destas xornadas" e súmase á súa aposta pola promoción de hábitos de práctica deportiva e saudables nestas idades sen esquecer a práctica lúdica do deporte.

No acto desta mañá estiveron presentes o alcalde, Fernando Guitián, a concelleira de Deportes, Natalia Salgueiro, o Presidente da Federación Galega de Judo, Mario M. Muzas e responsables da Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia.