^ Ir arriba

novas

Friday, 24 January 2014 10:14

O Concello de Gondomar faise cargo da recollida e sacrificio de dous cabalos salvaxes nun mes

Ambos os dous animais foron examinados previamente polos servizos veterinarios e, ante o mal estado que presentabas debido ás súas feridas, decidiuse sacrificalos
Dada a imposibilidade de identificar os propietarios dos dous cabalos, a concellaría de Medio Ambiente do Concello será a encargada de custear os gastos tanto médicos como de transporte

O Concello de Gondomar fíxose cargo, nun mes, da recollida e sacrificio de dous cabalos salvaxes accidentados no municipio.
O primeiro deles foi localizado na parroquia de Morgadáns, no lugar de Murxido. Recibido o aviso, mobilizouse a Policía Local e deuse aviso aos servizos veterinarios. Tras examinar o animal que se lanzara por un terraplén impactando contra a calzada, os servizos veterinarios aconsellaron sacrificalo debido á gravidade de feridas que presentaba. Unha vez sacrificado, o corpo do animal foi recollido por un xestor autorizado.
O segundo dos casos tivo lugar no vial do Galiñeiro. Nesta ocasión tratouse dun poldro ferido na calzada, que unha vez mobilizado o mesmo operativo e examinado, tamén foi sacrificado debido ao seu mal estado.
Dada a imposibilidade de identificar os propietarios dos animais, os gastos, tanto médicos coma de transporte, ocasionados por estes incidentes serán custeados pola concellaría de Medio Ambiente, segundo informa Juan Carlos González Camesella, edil responsable do departamento.