^ Ir arriba

novas

Wednesday, 08 January 2014 11:44

O Concello repartiu máis de 75.000 euros entre as asociacións e colectivos do municipio no pasado 2013

As subvencións alcanzaron un total de 75.150 euros e foron adxudicadas entre 62 colectivos

O Concello de Gondomar segue apostando por fortalecer as axudas ao tecido asociativo, básico para garantir a cohesión social entre os distintos colectivos do municipio. Por este motivo, o goberno local continuou no pasado 2013 co seu compromiso coas entidades sociais, culturais e deportivas o que se traduciu nun aumento dos colectivos subvencionados, pasando de 53 entidades no ano 2012 a 62 no pasado 2013.

O desembolso supuxo un total de 75.150 euros. As subvencións destinadas a fins sociais foron concedidas a 20 entidades, alcanzando un total de 23.050,00 euros. No relativo ao terreo cultural, foron 17.100,00 euros os repartidos entre 25 entidades. Finalmente, os colectivos deportivos beneficiáronse dun total de 35.000,00 € repartidos entre 17 entidades.

Dende o Concello de Gondomar séguese apostando, deste xeito, pola participación veciñal contribuíndo ao desenvolvemento e reforzo da vida cultural, social e deportiva do municipio.