^ Ir arriba

novas

Friday, 20 December 2013 12:58

O Concello acomete as obras do Proxecto de adecuación do paseo ao longo do río Miñor no Parque da Coelleira

- A iniciativa está subvencionada nun 80% pola Consellería de Presidencia e Administracións Públicas da Xunta de Galicia e conta cun investimento total de 50.000 euros
- Os traballos céntranse no desmonte dos muros existentes na zona para rematar en talud ata o paseo que será formigonado

proyecto MiorporGondomar, 20 de decembro de 2013. - O Concello de Gondomar continúa co seu propósito de poñer en valor a riqueza natural do río Miñor. Con este obxectivo, deuse comezo ás actuacións englobadas dentro do Proxecto de adecuación do paseo ao longo do río Miñor no Parque da Coelleira.

Unha vez conseguidos os permisos de Augas de Galicia e Patrimonio, operarios do Concello acometen estes días os traballos centrados no desmonte dos muros existentes na zona para rematar en talud ata o paseo, que será formigonado para asegurar a estabilidade do firme e contará cun ancho de tres metros e medio.

A retirada dos muros permitirá, por outra parte, xerar maior sección fronte ás posibles inundacións ao ampliar a zona onde se acumularía a auga das chuvias. Do mesmo modo, o paseo contará con zonas de recollida das augas chegadas dos camiños próximos que serán vertidas ao río directamente, evitando así os desbordes.

"Este novo paseo dará continuidade á senda fluvial do Miñor e converterá, definitivamente, á zona nun auténtico espazo de recreo para todos os nosos veciños e veciñas", afirma Fernando Guitián, alcalde de Gondomar.

Esta iniciativa está subvencionada nun 80% pola Consellería de Presidencia e Administracións Públicas da Xunta de Galicia e conta cun investimento total de 50.000 euros.

Así mesmo, tamén está programada a reparación das pontes da zona nas que se rebaixará a pendente para facilitar o paso dos usuarios; traballos que se suman á poda de árbores e roza que se levou a cabo no río a pasada semana, e que teñen como principal obxectivo o desexo do goberno local de revalorizar esta zona de de gran riqueza paisaxística e alta afluencia de xente.