^ Ir arriba

novas

Thursday, 19 December 2013 10:11

O servizo Línea Verde, posto en marcha no Concello en maio, recibe o 'Premio 2013 ao Maior Impacto Cidadán'

En sete meses, este servizo gratuíto rexistrou un total de 103 incidencias no municipio, das cales 46 xa foron solucionadas, 32 están en proceso, 22 foron denegadas e 3 foron eliminadas

Gondomar, 19 de decembro de 2013. - O Servizo de Consultas Ambientais, Línea Verde, alzouse co "Premio 2013 ao Maior Impacto Cidadán" outorgado por Ecovidrio. O Concello de Gondomar conta dende o pasado mes de maio con este innovador servizo gratuíto onde veciños e empresas poden resolver todas as súas dúbidas relacionadas co medio ambiente, ademais de notificar as incidencias que detecten no municipio.
Poden facelo mediante dúas vías: a través da páxina web www.lineaverdegondomar.com; ou a través da aplicación gratuíta para móbiles Línea Verde. En menos de 24 horas, un grupo de expertos atenderán as preguntas e xestionarán as incidencias formuladas.
Ademais, Línea Verde Gondomar pon a disposición dos usuarios información moi útil en materia ambiental como ordenanzas, regulamentos, actualidade, preguntas frecuentes, eventos de interese, etc.

Balance Línea Verde Gondomar

Dende a súa presentación no pasado mes de maio, e ata hoxe, foron moitos os que visitaron a Línea Verde Gondomar. Dende entón, recibíronse un total de 103 incidencias. Por departamentos, Vías e Obras suma 35 incidencias, Mobiliario Urbano e Parques e Xardíns 10 cada un, Limpeza Viaria 9, Iluminación pública e electricidade 8, Recollida de residuos domiciliarios, Seguridade Cidadá e tráfico e Medio Ambiente 7 cada un, Retirada de vehículos e Outros 3 cada un, e Recollida de animais abandonados e Transporte 2 cada un.

Destas incidencias recibidas, 46 xa foron solucionadas, 32 están en proceso, 22 foron denegadas e 3 foron eliminadas.

Línea Verde é un exemplo máis de como o Concello de Gondomar incorpora novos servizos para mellorar a súa atención ao cidadán e fomentar a súa participación e colaboración coa institución, ademais de reforzar a súa aposta polo medio ambiente.