^ Ir arriba

novas

Wednesday, 11 December 2013 13:44

A brigada de vías e obras realiza tarefas de poda e limpeza no arboredo do río Miñor

- Os traballos estanse a realizar a metro e medio de alto, no tramo situado entre a Ponte de Mañufe e o Parque da Coelleira

- Así mesmo, dende Parques e Xardíns estase a levar a cabo a poda das árbores do municipio. Xa se actuou na Alameda, a suba á Igrexa e actualmente estase a levar a cabo a poda das árbores situadas no centro de Gondomar. Tras os traballos na zona urbana, iniciarase a poda nas parroquias

poda2Gondomar, 11 de decembro de 2013. - Operarios do departamento de Vías e Obras, que dirixe Jesús Salgueiro, están a levar a cabo a limpeza e poda das árbores situadas na canle do río Miñor. As tarefas, iniciadas unha vez obtidos todos os permisos de Medio Rural e Augas de Galicia, estanse a realizar a metro e medio de alto no tramo situado entre a Ponte de Mañufe e o Parque da Coelleira. Por outra parte, Salgueiro anuncia que en breve o Grumir realizará tarefas de roza nos bordes do río.

Con esta actuación o Concello pretende, ademais de manter en bo estado o arboredo, seguir potenciando o valor da nova senda fluvial do municipio.

Plan de poda

Así mesmo, e chegada a época, dende a Concellaría de Parques e Xardíns, comezouse a traballar na poda de árbores en distintos puntos
do municipio.

A brigada de vías e obras, encargada de realizar os traballos, traballa nos labores de poda xunto ao camión e a maquinaria necesaria para levar a cabo este labor imprescindible para a saúde dos parques e xardíns. Os labores consisten, fundamentalmente, en reducións e limpezas das copas das árbores.

Xa se actuou na Alameda, a suba á Igrexa e actualmente estase a levar a cabo a poda das árbores situadas no centro de Gondomar. Unha vez finalizados os traballos na zona urbana, estenderanse ás distintas parroquias do municipio.

O obxectivo deste plan de poda é manter en bo estado o arboredo do municipio. "O labor realizámola todos os anos nesta época do ano", comenta Jesús Salgueiro, "é imprescindible para garantir que as árbores crezan sas e fortes unha vez comece a vindeira primavera". Por outra parte, os traballos de poda axudan a corrixir o crecemento dalgunhas árbores para "reorientar as súas ramas, e evitar, así que interfiran con luminarias ou carteis," puntualiza o edil.