^ Ir arriba

novas

Tuesday, 03 December 2013 10:47

Segue aberto o prazo para participar no XXXII Certame de Rondallas de Reis de Gondomar

- Os interesados en participar poden inscribirse no Rexistro do Concello de Gondomar, ata o luns 16 de decembro ás 13.00 horas

- Este ano, pese a adversa situación económica, séguense a manter as axudas de 1000 euros ás rondallas participantes

Gondomar, 2 de decembro de 2013.- O Concello de Gondomar, a través da Concellaría de Festexos, dirixida por Ignacio Troncoso, organiza un ano máis o XXXII Certame de Rondallas de Reis, que se celebrará o día 6 de xaneiro a partir das 10.30 horas da mañá.

Os interesados en participar aínda poden inscribirse no Rexistro do Concello de Gondomar, ata o luns 16 de decembro ás 13.00 horas, en horario de 9.00 a 13.30, de luns a venres; e de 9.00 a 13.00 horas os sábados.

Axuda de 1000 euros

Este ano e pese á adversa situación económica, o Concello segue a manter a axuda de 1000 euros a cada rondalla participante, feito co que a concellaría de Festexos reitera o seu compromiso co mantemento desta tradición e o seu esforzo para potenciala.

Certame con tradición

O Certame de Rondallas de Reis de Gondomar é unha das citas de referencia da provincia, tanto pola lonxevidade do certame como pola tradición que este tipo de música ten en Gondomar e o interese que esperta o tradicional e vistoso encontro de bandeiras de participantes.

Cada unha das agrupación, compostas todas elas de entre 40 e 150 persoas, interpretará durante quince minutos fronte a Praza do Concello as pezas que ela mesma seleccionase e efectuará un cruce de bandeiras coa rondalla anterior e posterior na intersección das rúas Ángel Urzaiz e Elduayen.

Podes descargar as bases e a solicitude no sitio web do Concello desde o Taboleiro de anuncios