^ Ir arriba

novas

Wednesday, 20 November 2013 08:23

Melytour negociará para resolver o conflito do transporte público en Gondomar

. Así o confirma o alcalde de Gondomar, Fernando Guitián, despois de manter unha reunión con representantes da empresa

. No encontro tamén estiveron presentes o xefe territorial de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, o xefe do servizo da Dirección Xeral de Mobilidade e representantes de Plataforma por un Transporte Público digno para Gondomar e o Val Miñor

Gondomar, 19 de novembro de 2013.- As negociacións para resolver o problema do transporte público en Gondomar avanzan positivamente. Así recoñéceo, o alcalde do municipio, Fernando Guitián despois de reunirse co xefe territorial de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas e o xefe do servizo da Dirección Xeral de Mobilidade, nun encontro ao que tamén asistiron representantes de Plataforma por un Transporte Público digno para Gondomar e o Val Miñor e da empresa de transportes Melytour.

O encontro serviu, esta vez, para que ambas as dúas partes expuxesen directamente as súas posturas ante os problemas rexistrados pola redución de frecuencias no servizo de autobuses do municipio nos últimos meses. Tanto dende o Concello coma dende a Plataforma de usuarios do transporte público reitéranse na súa postura defendida, xa, en anteriores reunións. "Dende o Concello mantemos unha postura moi clara, que ademais comparten os usuarios do transporte público, e é que nós negociaremos sempre e cando as dúas concesionarias que operan no municipio, ATSA e Melytour, cheguen a un acordo para axustar horarios e que ambas as dúas poidan acceder á Estación de autobuses", explica o rexedor gondomareño.
Pola súa banda, Melytour, anteriormente oposta á negociación, móstrase agora aberta á proposta formulada polo Concello e usuarios e, segundo explica Guitián, recoñece que poden existir posibilidades de chegar a algún tipo de acordo.

Redución de horarios e conflito de competencias

O pasado mes de marzo, o concelleiro de Servizos de Gondomar, Juan Carlos González Camesella, denunciaba ante a Dirección Xeral de Mobilidade da Xunta de Galicia, o incumprimento da concesión de servizos de transporte por parte da empresa Melytour, ao suprimir varias frecuencias do seu servizo a Vigo por Vincios.
Estes problemas sumábanse, así, ao conflito de competencias entre ambas as dúas empresas que operan no municipio, polo que os autobuses de ATSA non entran en Gondomar deixando aos seus pasaxeiros en Mañufe.
Dende entón, o Concello mantivo clara a súa postura defendendo os intereses de veciños e veciñas do municipio. O alcalde de Gondomar, Fernando Guitián, recoñecía nunha reunión mantida con representantes de Melytour e ATSA que, "dende o Concello buscamos unha mellora do servizo e unha solución eficaz para todos os veciños de Gondomar e parroquias. Por isto cremos factible chegar a un acordo con ambas as dúas compañías para resolver este problema".
Con este último encontro, avánzase na resolución dun conflito que afecta diariamente aos veciños e veciñas de Gondomar. "Neste encontro vimos un cambio de actitude moi importante por parte de Melytour", afirma o alcalde de Gondomar; e engade "dun non rotundo, pasamos a observar que si existe vontade de negociar. Unha moi boa noticia para os usuarios e o Concello".