^ Ir arriba

novas

Thursday, 31 October 2013 09:41

O Concello de Gondomar estrea nova páxina web

. O espazo é accesible dende a dirección: www.concellodegondomar.com
. O alcalde do municipio, Fernando Guitián, afirma que esta nova páxina reforzará a comunicación entre o Concello e os veciños

Gondomar, 30 de outubro de 2013. - O Concello de Gondomar estrea páxina web. O novo portal nace co obxectivo de ser un espazo máis participativo, dinámico e máis visual, co que se espera non só ser de grande utilidade para os veciños e veciñas do municipio, senón tamén ser a mellor carta de presentación para os que aínda non coñecen Gondomar. "A renovación da páxina web do Concello supón un gran paso. É moi importante espremer as posibilidades de comunicación que nos ofrece internet para dar a coñecer Gondomar e á vez renovar e reforzar a comunicación entre o Concello e os nosos veciños, facéndoos máis participes do que aquí acontece", explica o alcalde de Gondomar, Fernando Guitián.
A nova web é accesible, dende esta mañá, dende a dirección: www.concellodegondomar.com. A páxina principal conta cun menú superior, visible dende calquera parte da web, coas principais seccións desta. Numerosas subseccións englóbanse dentro de sete bloques: inicio, Concello, concellarías, Gondomar, Administración, instalacións, asociacións, de utilidade e contacto. Ademais na marxe esquerda destácanse aquelas subseccións que poden resultar de maior utilidade para os usuarios. O espazo central resérvase para a sección de noticias actualizadas e xeradas periodicamente pola casa do concello. Na parte dereita, sitúase unha sección de eventos, twitter e un espazo reservado o tempo.
Dentro da sección Concello, o usuario encontrará información sobre o alcalde, a corporación municipal, o seu organigrama, a actualidade do municipio e mesmo poderá coñecer o significado do escudo de Gondomar, podendo descargar a súa imaxe.

O seguinte bloque compóñeno as Concellarías. Neste espazo informarase dos distintos servizos relacionados con estas, así como as distintas actividades ou programas que leven a cabo.
Dentro do apartado Gondomar, incorpóranse outras subseccións relacionadas co municipio como poden ser a súa historia, turismo, guía e parroquias.
No capítulo de Administración recóllese todo o relacionado coa tramitación administrativa: normativa municipal, perfil do contratante, descarga de solicitudes e taboleiro de anuncios.
Instalacións é un espazo reservado para a información das distintas instalacións do Concello como poden ser a biblioteca, o Auditorio, Centro Neural, Centro de Desenvolvemento Local, entre outros. Os usuarios poderán consultar o horario dos devanditos servizos, ademais de descarga o impreso necesario para a reserva destes espazos.
A nova páxina web do Concello de Gondomar tamén dedica unha sección ás distintas asociacións do municipio, onde se recollen os datos de contacto destas entidades.
Finalmente, De utilidade e Contacto conteñen información sobre a Policía Local e farmacias; ademais de teléfonos de interese.