^ Ir arriba

novas

Tuesday, 29 October 2013 10:49

O Concello inicia a instalación de cinceiros nas papeleiras do municipio

. Operarios de Vías e Obras deron comezo, esta mañá, á colocación dos cinceiros nas papeleiras dos lugares máis concorridos de Gondomar
. A idea é que progresivamente, toda a vila conte con cinceiros nas súas papeleiras
. Con esta medida, preténdese reducir a acumulación de cabichas nas vías públicas e conseguir un municipio máis limpo

cenicerosGondomar, 29 de outubro de 2013. - Os fumadores de Gondomar xa non teñen escusa para tirar as cabichas ás rúas, e é que esta mañá, operarios da concellaría de Vías e Obras do Concello iniciaron a instalación de cinceiros nas papeleiras da vila condal. Así o informou o responsable de Vías e Obras, Jesús Salgueiro que recoñece que "o costume de tirar as cabichas á vía pública é un grave problema non só de limpeza nas nosas rúas, senón tamén de civismo".
Deste modo, as papeleiras de Gondomar contarán dende hoxe cun pequeno cinceiro de metal adosado que solucionará un dobre problema; por unha parte evitará que se tiren cabichas acendidas ao interior da papeleira, e pola outra reducirá a acumulación de cabichas nas vías do municipio.
Os novos cinceiros, deseñados e elaborados pola brigada de Obras, están a ser instalados seguindo criterios prácticos, optando por aqueles lugares onde se produce unha maior concentración de persoas ao día, como poden ser as prazas ou as rúas principais da vila; aínda que o obxectivo do Concello "é distribuílos progresivamente por todo Gondomar", apunta Salgueiro.
Dende o Concello solicitan a colaboración de todos os veciños e veciños do municipio xa que, "cun simple xesto conseguiremos que Gondomar sexa un lugar máis limpo para todos" recorda o edil.