^ Ir arriba

novas

×

Warning

JUser: :_load: Unable to load user with ID: 19
Friday, 18 October 2013 16:06

O Alcalde estuda con Augas de Galicia un proxecto para reducir as inundacións no núcleo do municipio

Técnicos de Augas de Galicia fixeron entrega, nunha reunión mantida co alcalde do municipio, Fernando Guitián, dun extracto do proxecto hídrico que permitirá minimizar as inundacións no núcleo de Gondomar.

Para levar a cabo o documento, Augas de Galicia analizou detalladamente a situación, estudando o período de retorno na zona. O devandito parámetro serve para coñecer se unha zona é inundable ou non e establece o número de anos en que se espera que medianamente se repita certo caudal, ou un caudal maior.

No proxecto presentado onte, considéranse múltiples medidas co obxectivo de paliar os efectos das posibles inundacións que se poidan producir durante a tempada de chuvias. Entre elas barállase a posibilidade de rebaixar a zona situada entre o Campo de Fútbol e o río para, así, ampliar a sección na que a auga se podería acumular evitando que desbordase e chegase a outros lugares. Por outra parte, formúlanse medidas que melloren a evacuación das chuvias. A creación dun caudal no Zamáns podería facilitar a drenaxe das augas no caso de que aumentase o nivel da auga no río.

Outras obras propostas dende Augas de Galicia son a ampliación da ponte da circunvalación do matadoiro, ou a suba do muro de protección da zona de Abastos.

Dende o Concello deuse o visto e prace ao proxecto e están á espera de recibir o proxecto na súa totalidade para coñecer e solicitar todos os permisos que sexan requiridos para iniciar as obras. "Con estas medidas melloraremos moito en canto á prevención de inundacións no núcleo do municipio, e evitaremos que se volvan producir situacións como as de anos anteriores nas que a auga afectou a vivendas e servizos do Concello", apunta o rexedor gondomareño.

Solucións á seca estival

Por outra parte, esta semana tamén se levou a cabo unha segunda reunión técnica con Augas de Galicia para estudar as solucións á seca no período estival formuladas en reunións anteriores.

En concreto, neste encontro avaliouse a posibilidade de levar a cabo unha nova captación auxiliar de recurso hídrico cara á Estación de Tratamento de Auga Potable (ETAP), o que permitiría aumentar as reservas de augas limitadas ao fluxo do río Touteiras.