^ Ir arriba

novas

Tuesday, 14 December 2021 16:04

GONDOMAR PROMOVE A FORMACIÓN EN MATERIA DE IGUALDADE ENTRE OS CLUBES DEPORTIVOS

 
2O4A7094.jpg
 
 
 
 
O goberno de Gondomar, a través da súa concellería de Igualade, dirixida por Nuria Lameiro, da un paso máis na súa loita pola consecución da igualdade real e poñerá en marcha unha campaña de sensibilización e formación nesta materia no seo dos clubes deportivos do municipio, dos que “esperamos lograr a máxima implicación e colaboración”.
 
A primeira rolda de contacto tívose esta mañá nun encontro ao que foron convidadas todas as directivas dos clubes de fútbol de Gondomar. Asistiron, finalmente, o Lóstrego Club de Fútbol, o Gondomar Futbol Base, o Club deportivo de Couso, o Chaín Club de Fútbol e o Cereixa Gondoma Fútbol base de Chaín, mostrando o seu interese polas propostas expostas pola concelleira e a técnica do Centro de Información da Muller.
 
Sobre a mesa a posibilidade de realizar cursos de formación en materia de igualdade dirixidos ás directivas, os corpos técnicos e, no seu momento, aos propios xogadores e xogadoras. “É fundamental a implicación de todos os sectores da poboación nesta loita, moito máis daqueles que teñen unha repercusión clara sobre miles de persoas, como son os seguidores/as dos deportes”.
 
A iniciativa, tal e como explicaron a concelleira, Nuria Lameiro, e a técnica do CIM, Susana Fernández, terá continuación con futuros encontros coas persoas responsables de outras disciplinas deportivas que se practican no municipio.
 
Ademais expúxose a posibilidade de contralar os temas musicais que se emiten durante os encontros para evitar aqueles que coas súas letras perpetúan actitudes machistas e denigrantes cara ás mulleres. Durante o encontro expuxéronse algúns exemplos, trasladándolles as letras ás directivas que mostraron a súa disposición de ter en conta esta proposición.
 
A concellería de Igualdade segue dando pasos dentro do 4 plan municipal de Igualdade oportunidade mulleres e homes do Gondomar 2017-2020 (prorrogado ata o 31/12/2022), que entre os seus obxectivos contempla a “realización de actividades de sensibilización e promoción da igualdade en colaboración con clubes deportivos locais, co fin de potenciar unha práctica deportiva libre de estereotipos de xénero”.