^ Ir arriba

novas

Wednesday, 10 November 2021 16:10

Gondomar inicia os trámites para que as Rondallas de Reis sexan Festa de Interese Turístico de Galicia

A celebración cumpre con todos e cada un dos requisitos para acadala e por iso o goberno leva a proposta ao pleno da corporación municipal que se celebra mañá xoves para a aprobación unánime da solicitude desta declaración e iniciar os trámites ante a Xunta de Galicia por tratarse “dun evento de relevancia cultural indiscutible das festas de Nadal de Gondomar”.
 
“É un compromiso que adquirimos como goberno hai case un ano e que, aínda que se viu freado pola pandemia, non deixamos de traballar nin un momento para que sexa unha realidade canto antes. Con esta aprobación damos un paso importante: formalizar a solicitude ante Xunta de Galicia para que o comité de valoración da Consellería de Turismo visite a celebración do 6 de xaneiro 2022”, explicou o rexedor Paco Ferreira.
 
O texto da moción aprobada pola corporación lembra que este certame é “unha das máis arraigadas e lonxevas tradicións do nadal en Gondomar, e que constitúe todo un símbolo distintivo dos fastos natalicios na localidade”. Nel tamén se recollen detalles sobre a orixe da súa celebración que xustifican os requisitos requeridos pola administración galega, como son, a antigüidade, arraigamiento, valor cultural e a súa continuidade no tempo.
 
Preto de 40 anos ininterrompidos
De feito o certame celebrouse de forma ininterrompida durante os últimos 37 anos, aínda que existe constancia dos seus oríxenes nos primeiros anos do século XX xa que se celebraba dalgunha maneira a visita de distintas grupos da provincia. De feito, xa no Faro de Vigo, en xaneiro de 1924, recóllese a noticia de que a rondalla “Piñeiro verde” de Bembrive acudiu a Gondomar onde foi obsequiada polo pobo e as autoridades da vila”.
 
A iso hai que sumar que o pleno da corporación municipal gondomareño
aprobou en setembro de 1983 a moción pola que se convocaba o “I Certame de Rondallas de Reis e grupos floclóricos en Gondomar”, cuxa celebración se mantivo desde entón anualmente, sendo imposible a súa celebración no 2021 como consecuencia da pandemia e as restricións sanitarias establecidas.