^ Ir arriba

novas

Friday, 29 October 2021 10:36

Gondomar lidera accións conxuntas contra “A Paraguda”, novo proxecto eólico que ameaza o Galiñeiro e os montes de Tui

2O4A1202.jpg
 
 
O alcalde de Gondomar, Paco Ferreira, presidiu este xoves unha reunión co alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, o presidente da Entidade Local de Morgadáns, Alfonso Misa, e representantes de distintas asociacións ecolóxicas da zona, así como da Comunidade de Montes de Peitieiros, cuxos terreos se verían afectados pola localización de muíños eólicos “algo que non estamos dispostos a aceptar. Defenderemos a nosa contorna natural como ata o de agora”, manifestou o rexedor gondomareño.
 
 
 
A postura é unánime entre todos os asistentes a este encontro que desde fai máis de dez anos veñen facendo fronte común ante o Rexistro Eólico de Galicia e as diferentes propostas que as industrias do sector quixeron levar a cabo, ou teñen aínda sobre a mesa. A última sorpresa o proxecto “A Paraguda”, parque eólico previsto para os montes de Gondomar e Tui, na mesma entrada do Parque Natural do Monte Aloia.
 
O proxecto, todavía en proceso de admisión por parte da Xunta de Galicia, contempla a colocación de 4 muíños en Gondomar e 4 en Tui, preto do núcleo de Malvas. Torres de 112 metros de altura e 137 de diámetro, ás que se sumarán instalacións complementarias como unha subestación eléctrica e unha estación meteorolóxica.
 
“En Gondomar non vai haber parques eólicos sen análisis previo do seu impacto ambiental e sen o consenso social necesario, díxeno antes e dígoo agora”, sinalou Francisco Ferreira, que unha vez máis lamenta que por parte da Xunta non se
conte cos municipios e valoren as súas posturas respecto a proxectos tan nocivos para a súa contorna."
 
“Traballamos polo medio ambiente e a sustentabilidade, non estamos en contra da enerxía eólica pero sí destes aeroxeradores que teñen un impacto ambiental fortísimo chegando a afectar mesmo ás escorrentías, leitos ou á fauna e flora”.
Lembrou que na defensa da nosa contorna natural “seremos moi firmes”
No encontro o voceiro da Plataforma pola protección da Serra do Galiñeiro e un representante da directiva de Montañeiros Celta, en nome o IEM, expuseron o que suporía a aprobación do novo proxecto recollido no Rexistro Eólico de Galicia para o futuro destas paraxes naturais.
 
Voces ás que se sumaron as dos representantes da Entidade Local de Morgadáns e a Comunidade de Montes de Peitieros, parroquias que se verán directamente afectadas por lo proxecto A Paraguda. Tanto eles como os representantes políticos fixeron fincapé no feito “de frealo agora que está ao comezo de calquera tramitación; deixar claro que non estamos dispostos a permitir a instalación dun parque eólico nos nosos montes”.
 
 
 
Accións a desenvolver
 
O encontro tamén serviu para expoñer que pasos dar e que medidas de presión adoptar de forma conxunta para “demostrar que a nosa palabra e posición son firmes e que tal e como dixemos no seu día, non queremos parques eólicos no Galiñeiro, na Groba ou no Parque Natural de Aloia”, recalcou Paco Ferreira, postura que tamén ratificou o seu homólogo en Tui, Enrique Cabaleiro.
 
Ambos sinalaron que desde a administración realizarán todo o que estea nas súas mans para evitar que este proxecto progrese e apoiar as demandas que desde as plataformas ecoloxistas veñen realizando dende hai tempo. Non descartan a elaboración dunha moción conxunta para ser ratificada nos plenos da corporación de senllos concellos.
 
Ademais, sobre a mesa tamén se barallaron outras opcións como a presentación de alegacións, recollida de firmas, mobilizacións e a unión e implicación coa loita dos concellos de Nigrán, Baiona, Oia, O Rosal e Tomiño, contra o proxecto “Alvariño I”, declarado “urxente” e “prioritario” pola Xunta de Galicia e que implicará a colocación de 27 muíños en 5 parques en total.
 
“Defender a nosa contorna natural é un obxectivo común polo que nos manteremos unidos. Freamos no seu momento o proxecto previsto para o Galiñeiro e agora evitaremos que siga adiante a tramitación deste novo parque eólico do goberno galego, que unha vez máis nos mantén á marxe de cuestións que afectan de forma directa aos nosos municipios e os seus habitantes”, concluíu Paco Ferreira.