^ Ir arriba

novas

Friday, 15 October 2021 13:08

Gondomar reivindica a igualdade de condicións e xénero no Día Internacional das Mulleres Rurais

O concello do Val Miñor adhírese á declaración da Federación Española de Municipios e Provincias e súmase á celebración desta xornada na que, entre outras cuestións, lémbrase a necesidade de poñer en marcha as actuacións necesarias para garantir unha mellora na situación da muller nas zonas rurais. 

​A declaración reivindica o papel esencial das mulleres para asentar a poboacióne loitar contra o envellecemento dos municipios e “defendemos a súa visibilización e empoderamento como medio para o cambio social, económico e cultural necesario para construír un futuro en igualdade”. 

​Neste sentido Gondomar comprométese a seguir traballando na promoción de actuacións e estratexias dirixidas a garantir a oportunidade laboral e facilitar as medidas de conciliación e corresponsabilidade. Á vez desde o goberno reafírmase o compromiso coa inclusión da perspectiva de xénero en todas as políticas locais.

​Segundo datos da ONU as mulleres rurais representan unha cuarta parte da poboación mundial, e en Galicia o papel desempeñado por elas é fundamental porque “Galicia non se entende sen o rural e sen as súas mulleres”. Por iso é preciso seguir apostando por reducir a fenda dixital de xénero e apoiar o empoderamento das mulleres neste sector, con actuacións encamiñadas ao desenvolvemento profesional das mulleres rurais como motor da dinamización.

Mundialmente, con poucas excepcións, todos os indicadores de xénero e desenvolvemento mostran que as campesiñas se atopan en peores condicións que os homes do campo e que as mulleres urbanas, “situación coa que temos que rematar entre todos e todas”.