^ Ir arriba

novas

Monday, 04 October 2021 19:33

A Casa Peralba acollerá unha biblioteca e un centro da terceira idade

 
241179360_2907690989493444_3092080375285148391_n.jpg
 
O goberno local estuda os usos que dará á Casa Peralba, tras a súa adquisión hai algo
máis de dous meses e a súa inclusión no patrimonio municipal. O alcalde, Paco
Ferreira, lembra que desde un principio “tivemos claro que esta recuperación é para o
pobo de Gondomar e os seus habitantes, para que a poidan gozar e por iso
buscaremos os usos sociais que se lle poidan dar, así como convertelo nun punto de
encontro das nosas xentes”.
 
Entre as ideas que toman corpo atópanse a de situar na Casa Peralba a futura
biblioteca pública –a sala de préstamo e de lectura – na edificación principal e un
centro da terceira idade na auxiliar, onde se situaban a vivenda do servizo, o garaxe e
as cuadras.
 
Será o proxecto o que detalle como se desenvolverá a rehabilitación da casa e a
localización dos distintos servizos. De momento encargouse un pequeno proxecto ao
arquitecto gondomareño Antonio Soliño para realizar unha operación de mantemento.
Aínda así, o goberno local xa traballa no proxecto para desenvolver os futuros usos da
vivenda e solicitouse un encontro co prestixioso arquitecto portugués, Eduardo Souto
de Moura, premio Pritzker 2011, aínda que a súa contratación -recoñece o rexedor-
dependerá dos custos que “haberá que valorar e saber a capacidade do concello para
asumilo”.
 
Mentres tanto os operarios municipais arromban a leira para utilizar as súas máis de
3000 metros cadrados na celebración de actos culturais e eventos relevantes do
municipio.
 
 
241362504_2907690759493467_3041408244855040585_n.jpg