^ Ir arriba

novas

Monday, 09 August 2021 19:27

O Concello de Gondomar fomenta o consumo responsable de auga

2O4A2989 copia.jpg 

 

O Concello de Gondomar e Espina & Delfín, empresa concesionaria do servizo de auga, fomentan o consumo responsable de auga coa campaña “Está na túa man, pecha a billa cando toca”. O obxectivo desta iniciativa é concienciar aos veciños da importancia de realizar un uso axeitado dos recursos e anticiparse ás situacións de seca da época estival. 

Esta mensaxe de sensibilización difundirase a través de carteis informativos que se colocarán nos edificios municipais, asociacións culturais e vecinais, nas instalacións do servizo municipal de auga e nas redes socias de ambas entidades.    

A escaseza de precipitacións e as elevadas temperaturas que se esperan para os meses de xullo e agosto teñen un impacto nos caudais ecolóxicos dos ríos. Para poder manter as reservas hídricas durante o período vacacional é imprescindible realizar un consumo eficiente da auga potable. 

Actualmente, a capacidade dos embalses da comunidade aínda presenta boas porcentaxes, pero o descenso é continuo. Na Confederación Hidrográfica Miño-Sil a reserva hídrica atópase nun 62,8 % en Galicia-Costa nun 76 %. 

Esta campaña incide en consellos sinxelos e prácticos para aforrar auga como pechar a billa mentres cepillamos os dentes, ducharse en lugar de darse un baño, non usar o retrete como papeleira e utilizar a lavadora e o lavalouzas con cargas completas. 

Tamén hai que ter precaución con actividades típicas deste época e, por exemplo, reducir o uso de auga para encher piscinas, lavar vehículos e regar os xardíns. Ademais, un bo consello para as persoas que marchan uns días de vacacións é pechar a chave de paso de auga da vivenda.