^ Ir arriba

novas

Friday, 30 July 2021 09:49

“Descubrindo Gondomar”, unha nova e divertida forma de coñecer o municipio do Val Miñor

Captura de pantalla 2021-07-30 a las 9.50.39.png

A Concellería de Turismo, dirixida por Rocío Goberna, desenvolverá o próximo domingo 22 de agosto esta iniciativa cuxo obxectivo é dar a coñecer os principais atractivos de Gondomar a través dunha divertida caza do tesouro que se realizará por grupos.

 A actividade, pensada principalmente para familias con nenos e nenas, ten como obxectivo dar a coñecer a contorna do municipio de forma amena e facilitando unha xornada de lecer e encontro familiar neste tempo de verán.

Os equipos deberán ter un mínimo de dous integrantes e un máximo de cinco, establecéndose dúas categorías: a dos “Pequenos Castores”, na que polo menos debe haber un menor de 12 anos e, a categoría “Exploradores” onde os seus integrantes son maiores de 12 anos. Unha vez establecidos os grupos só serán necesarias moitas ganas de pasalo ben e que veñan con roupa e calzado cómodo para cubrir o percorrido previsto no que deberán, seguindo as instrucións dun mapa que se lles facilitará na saída, localizar unha serie de puntos de control nos que se ocultan “pequenas recompensas”.

Cada un dos participantes establecerá a súa folla de roteiro e poderá cubrila como lle resulte máis doado para o grupo ou para facerse cos puntos. A proba ten unha duración prevista de dúas horas e media e, segundo a organización, “non deben esquecer o compoñente estratéxico, a toma de decisións e o traballo en equipo como claves para finalizar con éxito”.

 Inscricións

O prazo de inscrición arrinca hoxe, 29 de xullo, e manterase aberto ata o 10 de agosto. Todos os interesados poderán inscribirse a través do correo electrónico This email address is being protected from spambots. You need JavaScript enabled to view it., ao que deberán remitir o nome do equipo, o número de integrantes, así como o DNI e data de nacemento de cada un deles. Ademais deberán facilitarse un correo e un teléfono de contacto. Para máis información poderán chamar ao teléfono 678 874 985.