^ Ir arriba

novas

Saturday, 03 July 2021 17:31

Gondomar convértese no novo escenario en Galicia do Festival de Danza   “Corpo a Terra”

211734537_2860961760833034_8127201403918545745_n.jpg
 
O Festival trasládase despois de dez anos da súa sede habitual en
Ourense a Gondomar con dous días de espectáculos programados no municipio.
A este evento súmanse máis de 30 de actividades que se desenvolverán entre
xullo e setembro, entre as que tamén se celebrará por primeira vez en Galicia un
Festival de Circo nas rúas e prazas gondomareñas.
 
Cinema, música, danza, eventos deportivos para grandes e pequenos, visitas
culturais ou o percorrido do Camiño de Santiago compoñen o programa organizado
polo goberno de Gondomar, a través da súa concellería de Cultura, dirixida por Juan
Bas, para os meses de xullo, agosto e setembro. “Un programa co que queremos
recuperar o ritmo dos nosos encontros e festas tradicionais, que se viu retardado por
culpa da pandemia da que aos poucos estamos a saír”, afirma o rexedor Paco Ferreira.
Lembrou que en todo momento tomaranse as medidas precisas de seguridade
recomendadas polas autoridades sanitarias “o que non impedirá que gocemos dunhas
grandes festas cun gran cartel que inclúe novidades importantes que confirman que
Gondomar xa é un referente no mundo da cultura”.
Así explicou que Gondomar pasará a ser o novo escenario do Festival Danza
“Corpo a Terra” que se traslada no súa décimo primeira edición a este municipio
abandonando Ourense, para no mes de setembro estrear unha nova oferta cultural na
que a través da danza e as artes do corpo recorrán diferentes puntos urbanos da man
dos espectadores, cuxa participación sempre é un punto fundamental neste festival.
Gondomar tamén sacará a escena e ás súas rúas, por primeira vez en Galicia, O
Festival de Circo (27 ao 29 de agosto) convertendo a Praza da Paradela nunha gran
pista sobre a que actuarán a Orquestra de malabares, “Vaiven circo” ou “A gata
japonesa”.
Festas patronais de San Bieito
Este ano réndese a homenaxe que merece ao Patrón do municipio recuperando
as verbenas e as atraccións para os máis pequenos, ausentes hai un ano. A música, os
actos litúrxicos e a diversión para grandes e pequenos combínanse no programa
preparado para estes días, que arrincará o próximo día 09 de xullo coa actuación da
“Banda de ayer”. Os días grandes prevese a actuación das orquestras “Asia” e
 
“Marbella”, así como a Banda de Vincios, para pechar o programa o día 12 o grupo “La
Patrulla”, actuacións todas elas que se desenvolverán nas Pistas de As Cercas.
 
Entroido de verán
O alcalde de Gondomar, Paco Ferreira, lembra que “o prometido é débeda” e
nese sentido apunta o compromiso adquirido en febreiro cando o Entroido 2021 tivo
que suspenderse ante o elevado número de contaxios da covid19. “Entón dixemos que
o iamos a pospoñer uns meses e que o dariamos todo no noso I Entroido de verán,
afirma o alcalde, que lembrou que se celebrará o próximo día 17 de xullo con
animación, actuacións musicais e moitos disfraces nas rúas de Gondomar.
Concertos
Entre as citas musicais destaca a presenza en Gondomar de “Mitic, o
espectáculo” un fenómeno que espertou unha chea de seguidores e seguidoras e que
se celebrará o próximo día 21 de agosto. Pero a el sumaranse outras moitas máis
actuacións que terán como escenario a Praza da Paradela, como é o caso da Burgas Big
Band, La Granja, Gustavo Almeida ou Traspediante+Banda Musical de Vincios.
Un ano máis hai unha clara aposta polos grupos e artistas locais. Así o 23 de
xullo regresa a Gondomar Rubén de Lis e o 24 será a quenda do “Soño de Calíope”,
concertos aos que se sumarán os de Urbano Cabrera ou “The Bigüis”, “unha mostra
clara e evidente do gran nivel artístico e a canteira que hai neste ámbito en
Gondomar”, sinala Paco Ferreira.
Cinema e actividades deportivas
Como en edicións anteriores “Gondocultura” quere sumar ao maior número
posible de persoas e para iso programaranse actividades dirixidas ás familias e aos
máis pequenos como é o caso do “Cinema na rúa” coa proxección das películas
“Onward”, “Jojo Rabit”, ás que se sumará a proxección de María Soliña. Ademais
regresa unha nova edición da proba “Gladiator Kids deportes” ou a actividade
“Deporienta”, que propón un roteiro ao Monte Galiñeiro.
O departamento de Turismo súmase tamén á celebración do verán no Ano
Xacobeo organizando o “Camiño de Santiago” por etapas os sábados de setembro e co
programa “Descobre Gondomar” no que se ofrecen roteiros pola localidade para
descubrir os seus principais atractivos culturais, etnográficos e históricos.