^ Ir arriba

novas

Friday, 26 March 2021 17:47

Gondomar súmase ao movemento “A Hora do Planeta” apagando a iluminación do centro urbano

Promovida pola concellería de Medio e Transición Ecolóxica esta adhesión súmase ás distintas iniciativas e políticas que desde este departamento veñen promovendo para garantir a sustentabilidade de Gondomar e un uso máis racional e seguro para a contorna natural, en concreto, e para garantir a saúde do medioambiente en xeral.
“É unha das prioridades que se marcou o noso goberno -asegura o rexedor Paco Ferreira- quen sinala que a responsabilidade da defensa do planeta non debe recaer só na cidadanía, é un labor conxunto da sociedade na que as administracións tamén debemos contribuír de forma directa na loita contra o cambio climático”.
Por iso este sábado 27, ademais de apagar durante unha hora os edificios e monumentos máis representativos do Concello de Gondomar, como promove a iniciativa “A Hora do Planeta”, nesta ocasión ampliarase ao centro urbano do municipio sumándose a Praza Paradela, as rúas Portugal, Párroco Mariño, Rosalía de Castro e o Parque da Coelleira.
A Hora do Planeta é unha iniciativa que, promovida por WWF naceu en Sidney en 2007, cidade desde a que se estendeu a 187 países. Na actualidade converteuse nun movemento mundial do que forman parte miles de cidades e concellos, como é o caso de Gondomar, de 200 países, que apagaron máis de 17.000 monumentos.
Desde o concello anímase a veciñanza a sumarse á Hora do Planeta e apagar entre as 20.30 e 21.30 da tarde as luces, un símbolo co que se quere lembrar desde a organización “que a natureza é o sistema de soporte vital do planeta e que debemos defendela para salvagardar a súa saúde, e á vez a nosa propia e o benestar”.

Hora-Planeta-apaga-medio-ambiente_2216488347_7618446_1300x731.png