^ Ir arriba

novas

Tuesday, 29 December 2020 16:07

Gondomar inaugura o obradoioro de emprego “Crea e coida Miñor II” que formará a 20 veciños da comarca

Este segundo obradoiro de emprego vén precedido polo éxito da primeira edición, desenvolto este ano 2020 e que se clausurou con máis do 50% dos seus participantes firmando un contrato laboral.
O alcalde de Gondomar, Paco Ferreira, acompañado pola Delegada da Xunta de Galicia en Vigo, Marta Fernández-Tapias, inaugurou esta mañá o obradoiro de emprego “Crea e Coida Miñor II”, que se desenvolverá en convenio cos concellos de Baiona e Nigrán, cuxos alcaldes Carlos Gómez e Juan González tamén participaron no acto.
O rexedor gondomareño agradeceu unha vez máis a colaboración do goberno galego nunha materia tan sensible como é a política de emprego e subliñou que “é preciso que as administracións xuntemos forzas e traballemos en obxectivos comúns para todos, como é a creación de emprego e favorecer a inserción laboral da nosa veciñanza en paro”.
Destacou o bo resultado destes talleres duais que facilitan durante o tempo da formación un contrato laboral aos participantes, e que “no caso do anterior plasmouse na contratación por parte de diferentes empresas dun 50 por cento das persoas formadas nel”.
Pola súa banda a delegada da Xunta, Marta Fernández coinicidiu co rexedor de Gondomar á hora de destacar a necesidade de traballar conxuntamente en medidas que “logren unha inserción laboral real e a formación adecuada para que sexa posible”, animando aos novos beneficiarios do taller “a aproveitar esta ocasión que se vos da.”
“Crea e coida Miñor II”, é financiado pola Xunta con 350.000 euros e unha aportación de algo máis de 3.000 euros por Baiona, Gondomar e Nigrán, respectivamente. Os dous obradoiros, cun máximo de 10 alumnos/as en cada un, facilitarán aos participantes un contrato de traballo no concello co salario mínimo interprofesional durante os 9 meses de duración da formación, que será eminentemente práctica en ambas as especialidades que se ofertan.
Ademais da materia específica relacionada coa atención sociosanitaria e o deseño de produtos gráficos, obxecto de ambos os talleres, os alumnos-traballadores recibirán formación complementaria en cuestións craves para a procura de emprego e acceso ao mercado laboral como son a prevención de riscos laborais, alfabetización informática, igualdade, manipulación de alimentos ou autoemprego.


81638f39-e13e-476d-9030-32d7e406a99b.jpg