^ Ir arriba

novas

Thursday, 05 November 2020 16:11

“Vilas en flor” distingue con dúas flores de honra ao concello de Gondomar

• O xurado deu a coñecer o fallo nas últimas horas e destaca o “gran esforzo en dixitalizar as zonas verdes” e as boas actuacións no núcleo urbano.
• O concello suma unha flor respecto a a edición do ano anterior.

O xurado do Certame “Vilas en flor” emitiu este pasado mércores o fallo que outorga as súas distincións aos concellos participantes, recibindo nesta ocasión o Gondomar dúas “Flores de honra”, galardón co que se distingue o traballo realizado no ámbito da xestión e o mantemento dos espazos verdes.
Suma así Gondomar unha flor respecto á anterior edición tendo no seu haber neste momento dúas, do mesmo xeito que concellos como A Guarda, Salceda de Caselas ou Cambados, entre outros. No seu fallo o xurado recoñeceu o “gran esforzo realizado pola vila en dixitalizar as zonas verdes, con códigos QR en cada unha indicando as especies e elementos singulares”, roteiro botánico que transcorre polo centro do municipio.
Ademais o xurado subliña no seu fallo as boas actuacións na entrada do núcleo urbano e “o deseño dun gran paseo fluvial incorporando as zonas verdes en tres das edificacións”, ao que suma o descubrimento de novos espazos lúdicos para desenvolver actividades de recreo.
O certame, organizado pola Fundación Juan de Vega, a Asociación de Viveristas do Noroeste e a Asociación Galega de Empresas de Xardinaría, márcase como obxectivo promover a mellora ambiental social e económica dos concellos participantes (25 nesta edición), así como dinamizar o sector do paisaxismo e ornamentación como selo de calidade e reclamo turístico.

 

b5bdd20e-ee44-4915-9c48-14dc994c920c.jpg

WhatsApp Image 2020-11-05 at 16.00.17.jpeg