^ Ir arriba

novas

Tuesday, 27 October 2020 19:18

Gondomar achega preto de 10.000 euros ás ANPAS dos colexios da localidade

• Ferreira subscribiu os convenios de colaboración anual coas asociacións incrementando a dotación orzamentaria en cada un en 350 euros.
• Por primeira vez súmase a ANPA do C.R.A. Antía Cal, que percibirá 1.500 euros.

O alcalde de Gondomar, Paco Ferreira, subscribiu esta semana os convenios de colaboración que o goberno local, a través da concellería de Educación, mantén anualmente coas Asociacións de Nais e País (ANPAS) dos centros educativos públicos do municipio, cunha dotación total de 9.900 euros.
A firma enmárcase dentro da política do executivo de facilitar as ferramentas e medios posibles ás entidades de carácter social ou comunitario que coa súa actividade redundan en beneficio dos veciños e veciñas de Gondomar.
Neste caso, aténdese un sector importante como é a educación das novas xeracións, tal e como lembra o rexedor, que engade que se fixo o esforzo de incrementar as partidas respecto ao ano pasado porque “sen dúbida toda axuda para afrontar a volta ao cole neste momento que vivimos é necesaria e as administracións debemos estar aí, na medida do posible”.
Así subscribiron o convenio as representantes das Anpas dos Centros de Educación Infantil e de Primaria (CEIP) Xosé Neira Vilas, Souto Donas, Chano Piñeiro e Serra de Vincios, que recibirán unha subvención de 2.100 euros cada unha delas. Este ano súmase o ANPA do Colexio Rural Agrupado Antía Cal que por primeira vez subscribiu o convenio anual co concello, dotado con 1.500 euros.

NEIRA VILAS 3.jpg DONAS 1.jpg

CHANO PIÑEIRO 3.jpg CEIP SERRA VINCIOS 1.jpg

ANTIA CAL 5.jpg