^ Ir arriba

novas

Thursday, 08 October 2020 17:59

Teatro e diversión para os máis cativos encherán Gondomar esta fin de semana

O Auditorio Municipal de Gondomar e a Praza Paradela acollerán esta fin de semana unha programación deseñada e pensada para os máis cativos das casas, e para todas as familias.  Contacontos, música e teatro musical son as primeiras citas dunha serie de actividades previstas nas próximas semanas, nunha clara aposta do goberno local polo sector da cultura.

“Poe Xia”, un contacontos moi especial e enmarcado dentro do programa “Ler conta moito”, promovido pola Dirección Xeral de Políticas Culturais, levantará o pano desta fin de semana. Con entrada gratuíta e aforo limitado e axustado ás necesidades que marcan a “nova normalidade”, este venres a partir das 18.00 horas os asistentes poderán gozar da historia de dúas amigas “Poe e Xia”, un recital que rende homenaxe aos autores e autoras que coas súas obras converteron “a infancia nun territorio especial e único”. 

A música e percusión chegará a cargo de Odaiko Percussión o vindeiro domingo 11 de outubro a partir das 18.00 horas na Praza Paradela. Os 4 integrantes da agrupación achegarán a Gondomar unha divertida proposta artística centrada na exploración da música tradicional multiétnica, centrada nas múltiples e curiosas opcións dos elementos e instrumentos de percusión. 

E o luns 12, a partir das 18.00 horas, estacionará na Praza da Paradela o autobús da “Tropa do Doutor Milagre”. Música, improvisación, xogo, baile e moita diversión están garantidas con este espectáculo dirixido a grandes e pequenos.

En todos os casos a entrada será gratuíta e con control de aforo e suxeitos as normas de seguridade sanitaria. 

WhatsApp Image 2020-10-07 at 16.51.23.jpeg