^ Ir arriba

novas

Friday, 11 September 2020 20:14

Gondomar reforza con medios propios a loita contra a avespa velutina

O goberno local entregou tres traxes de protección integral e materiais específicos aos colaboradores que, de forma altruísta, retiran niños desta avespa no municipio ante as longas demoras rexistradas por parte da empresa pública contratada pola Xunta de Galicia para facerse cargo deste problema. 

 O alcalde, Paco Ferreira, destacou o importante labor que viñeron realizando estes veciños “ante a falta de resposta eficaz e rápida por parte de goberno galego e a empresa á que paga para que realice este servizo e que incumpre de forma sistemática o prazo de cinco días hábiles establecidos para atender a demanda dos veciños”.

 Ante esta situación a colaboración de Gondomar concretouse na acción de tres expertos apicultores que de forma desinteresada atendían as chamadas de veciños quenon eran cubertas polo servizo autonómico do 012, nos prazos fixados. Desde este xoves contarán con traxes de protección integral, luvas e material específico, cedidos polo goberno local, para garantir a súa seguridade en cada intervención que realicen. 

 Así o manifestou o rexedor que estivo acompañado polos concelleiros de  Seguridade e Medioambiente, Jose Manuel Chamorro e Brais misa, respectivamente. Este último reiterou que é o 012, teléfono  da Xunta, ao que deben dirixirse aqueles que localicen un niño de velutinas para solicitar a súa retirada. A petición debe cursarse nun prazo de cinco días hábiles, podendo ser  maior  cando  concorran circunstancias  especiais por estar en lugares inaccesibles ou a  máis de de 25 metros de altura.

 O edil explicou que só no caso de que non se lles atenda pódese pedir axuda ao  concello, que elaborou un modelo tipo de solicitude, que se poderá retirar no rexistro municipal ou a través da web. Así mesmo elaborarase un ficheiro de control dos niños retirados por parte do  concello.

​O ano 2019 Gondomar tívose que facer cargo da retirada de 178 niños e no que levamos de 2020 retiráronse 100, cifra que podería aumentar ao ser o período comprendido entre os maio a outubro os de maior actividade desta especie. A velutina  supón un risco para á biodiversidade pois afecta directamente á produción apícola e  frutícula ao estar a súa dieta formada por por as abellas e froita. Esta especie invasora non é máis perigosa que a avespa común, pero a súa expansión en zonas urbanas ou  semiurbanas incrementa o risco de picaduras para as persoas.

 

DSC02159.jpg