^ Ir arriba

novas

Thursday, 14 May 2020 11:07

Gondomar lembra á veciñanza a obriga de limpar as súas parcelas para previr incendios forestais

Ante a chegada do verán e o inicio do período de máximo risco de incendios forestais o concello insta aos propietarios de fincas a cumprir a lei vixente en esta materia que recolle sancións de ata 100.000 euros nos casos graves. De non limpar as parcelas a administración local asumirá esta tarefa, repercutindo posteriormente os gastos.

O alcalde, Paco Ferreira, lembra que na loita contra os incendios “debemos estar todos xuntos e traballar nese senso na mesma dirección: previrlos, para evitar así a destrución dos nosos bosques e entorno natural, e garantir a máxima protección para nosa vila e os seus cidadáns.”
Así lembra que a lei 3/2007 de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia establece unhas condicións específicas para as denominadas "redes secundarias de faixas de xestión da biomasa", cuxa función prioritaria é servir de barreira natural dos núcleos de poboación, infraestruturas, equipamentos sociais, zonas edificadas, vivendas illadas, parques e polígonos industriais.
En atención ás especiais circunstancias derivadas do actual estado de alarma sanitaria declarada pola pandemia do COVID-19 as persoas responsables disporán ata o 16 de xullo de 2020 inclusive para o cumprimento voluntario da súa obriga para xestionar a biomasa nas parcelas afectadas polas redes secundarias de faixas, según o publicado no DOG, que sinala que se son precisos desprazamentos para esta tarefa “deben levar consigo unha declaración responsable que comprenda as leiras en que van levar a cabo as actividades, incluíndo a identificación da parcela e a súa referencia catastral”.
Os donos de parcela están obrigados a xestionar a vexetación nunha faixa de 50 metros a solo urbano, de núcleo rural e urbanizable, ao redor de edificacións, vivendas illadas, urbanizacións, depósitos de lixo, cámpings, gasolineiras e parques e instalacións industriais situados a menos de 400 metros do monte.
Tamén é preciso limpar ao redor das edificacións illadas en solo rústico situadas a máis de 400 metros do monte. Con carácter xeral, na mesma faixa de 50 metros no poderá haber árbores, como eucalipto e diferentes variedades de piñeiro.

Calquera dúbida pódese resolver nos seguintes teléfonos: emerxencias defensa contra incendios forestais (085); Concello de Gondomar: 986.360.125; Distrito Forestal XVIII Vigo-Baixo Miño (886.120.800); Servizos provinciais de prevención e defensa contra incendios: (986.805.327); e Secretaría Xeral do Medio Rural e Montes (981.546.107)